O Entroido de Vigo celébrase dende este domingo coa Merdeirada Cativa

Publicidad

Unha parte do Entroido comeza esta fin de semana en Vigo. A Asociación Etnográfica A Merdeira recupera unha das citas habituais da festa viguesa coa Merdeirada Cativa, que este 20 de febreiro conmemorará a súa quinta edición.

A pandemia obriga aos organizadores a adaptar a Merdeirada Cativa ás restricións que marcan as autoridades sanitarias, polo que non se realizarán eventos tradicionais que forman parte desta cita tan especial e importante do Entroido vigués como o tradicional obradoiro de máscaras ou a posterior chocolatada. Porén, a Asociación Etnográfica A Merdeira anuncia que se cinguirán en repartir unhas caroutas xa preparadas para que as nenas e nenos que participen no evento acompañen aos Merdeiros polas rúas e prazas do Casco Vello de Vigo ao ritmo de gaitas e tambores.

O obxectivo desta cita é crear unha futura canteira para que os máis pequenos de Vigo experimenten en primeira persoa que se sinte ao transformarse nun Merdeiro. O punto de entrega e entrega de caroutas será o local da Asociación Veciñal Casco Vello, situada na rúa Cánovas del Castillo número 2, baixo, ás 17:00 horas deste domingo 20 de febreiro.

Esta actividade ten un número de prazas limitadas, polo que as interesadas e interesados en participar deben cubrir un formulario que está dispoñible na web da Asociación (premer aquí).

Salir de la versión móvil