A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, presentaron onte a programación cultural Inverno 2022 na que o Concello mantén a súa firme aposta polo teatro, tanto adulto como infantil e no que non faltan actividades xa plenamente consolidadas pola aceptación que teñen entre o público como o Ciclo de Monólogos, o ciclo de música folk 'A nosa música', o Festival Internacional de Bigs Bands ou o Festival Internacional de Curtas 'Andaina'.
Dentro do programa, tal e como explicaba a alcaldesa Digna Rivas, inclúense actividades “que pola súa importancia lúdica, como é o Entroido; reivindicativa como os actos do 8 de Marzo ou tradicional como o Día dos Maios, desenvolverán un guión de actividades propias e diferenciadas que se darán a coñecer oportunamente”.
A alcaldesa, que destacou “o traballo realizado pola Concellería de Cultura para dar forma a un programa variado e con actividades para todos os públicos”, puxo o foco de atención pola “firme aposta” que se segue a facer dende o Concello polo teatro tanto adulto como infantil e destacou a presenza da compañía A Panadaría que elixiu Redondela para continuar coa xira de presentación da súa nova montaxe As que limpan.
O teatro infantil ocupa tamén un lugar destacado no programa coa representación, xa este vindeiro 6 de febreiro da montaxe de Perez&Fernández 'Os nenos da Variola' no Multiúsos da Xunqueira ás 18:00 horas. A alcaldesa salientou a importancia que ten o teatro entre o público máis pequeno “que esperta en eles o interese polas artes escénicas e que os encamiña a apreciar a que está considerada como unha das máis extraordinarias expresións culturais e artísticas”. “Esperar o interese nos nenos e nenas de hoxe, e conseguir manter o teatro vivo entre os adultos de mañá”, sinalou Digna Rivas.
No que aos actos máis inmediatos fai referencia, amais da xa sinalada posta en escena de 'Os nenos da variola', o 12 de febreiro no auditorio do multiúsos da Xunqueira e ás 20:00 horas, terá lugar a representación de As que limpan, coa que a compañía «A Panadaría» continúa a xira de estrea da súa nova produción. O prezo das entradas será de 3 euros
O 13 de febreiro, será a quenda do humor tamén no multiúsos da Xunqueira co monólogo de Xavier Deltell, ás 19:00 horas, dentro do ciclo Humor na súa Tinta. O prezo das entradas será de 12 euros.