Salceda volverá a atraer a milleiros de persoas para desfrutar este 2023 do considerado por moitos como mellor entroido da área metropolitana. O concello salcedense recupera este ano os actos tradicionais e máis importantes da celebración, despois de dous anos condicionados pola Covid-19. A programación foi resentada pola rexedora local, Verónica Tourón, e o oncelleiro de Cultura, Álex Rodríguez, acompañados de representantes dos barrios da Feira (Raquel Rodríguez e Melucha Vázquez) e Castro Barreiro (Rocío Troncoso e Andrea), que non perderon oportunidade de defender o seu como o Entroido máis apaixonante e o único capaz de unir a todo un barrio independentemente dos gustos ou intereses. "Invitar á xente de fora de Salceda a que nos visite a que desfrute connosco dun dos carnavais máis senlleiros de Galicia e que aproveite para coñecer o noso pobo, a nosa gastronomía, a nosa cultura e tradicións”, expresou a alcaldesa.
O Entroido 2023 recupera tres citas principais. "É un orgullo poder retomar os “tres entroidos nun”; o entroido infantil, o entroido institucional e o entroido tradicional", salientou o concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez. O venres 17, o desfile infantil protagonizado polos centros escolares voltará encher de ledicia e cor as rúas do casco urbano de Salceda, dende os máis cativos e cativas das Escolas Infantís ata o alumnado da ESO e bacharelato do IES Pedras Rubias. O domingo 19 chegará a hora do desfile organizado dende a Concellería de Cultura que dirixe Álex Rodríguez, na que ven sendo xa a súa vixésimo cuarta edición, que contará este ano con nove agrupacións e máis de 1.200 persoas participando, nun día no que todo apunta a que Salceda recibirá a milleiros de persoas para presenciar o Entroido. E xa o derradeiro desfile será o martes, onde o centenario enfrontamento entre o Castro Barreiro e a Feira se citarán na Praza do Concello para amosar as súas carrozas e comparsas, unha cita que se leva celebrando cando menos dende hai 135 anos.
Dende o ano 2018 a Feira vén representando ademais o que xa se coñece como “entroido histórico”, coa presentación do seu rancho de entroido formado por seis danzantes e dúas damas, que aparecen rodeados dos cabaleiros, encargados de abrir espazo entre o público para que o rancho poida realizar as súas danzas. Este ano, serán tres as ubicacións onde actuará o Rancho, no Parque Raíña Aragonta, na Praza da Devesa, e na Praza do Concello. Ademais, contará tamén coa participación do Rancho Infantil de Entroido, asegurando así a continuación desta mostra de Patrimonio Inmaterial.
O Entroido son unhas datas nas que Salceda de Caselas recibirá a visita de milleiros de persoas para presenciar os diferentes actos e desfiles. Como novidade este ano, retransmitiranse por Youtube os desfiles de Domingo e Martes, así como a actuación do Rancho de Entroido da Feira.
A programación complétase co sábado, no que haberá actividades infantís e o tradicional Concerto de Entroido da Banda Cultural de Salceda. O día pecharase coa actuación da orquestra Saudade. Precisamente esta é unha das novidades do 2023, trasladando a verbena do domingo ao sábado. Así, o domingo completarase coa Discoteca Móbil Gramola Tour Track, que amenizará as coplas e a festa posterior ao Desfile de Carrozas e Comparsas. As verbenas voltarán tamén aos barrios do Castro Barreiro e da Feira, o luns 18 e martes 19, logo de seren anuladas os pasados anos polas restriccións da pandemia.
Programación
Venres 17 de febreiro
- 11:00 Desfile de entroido dos centros escolares.
- Escola Infantil Xoaniña
- Escola Infantil A Galiña Azul
- CRA Raíña Aragonta
- Cep Altamira
- IES Pedras Rubias
Sábado 18 de febreiro
- 16:00 Obradoiros infantís. Parque Raíña Aragonta
- 20:30 Concerto de Entroido da Banda Cultural de Salceda. Auditorio Municipal.
- 30 Verbena a cargo da Orquestra Saudade
Domingo 19 de febreiro
- 12:00 Rancho de Entroido da Feira acompañado dos Cabaleiros.
- 00 Parque Raíña Aragonta
- 30 Praza da Devesa
- 00 Praza do Concello
- Retransmisión en directo a través de youtube.
- 17:00 XXIV Desfile de Carrozas e Comparsas. Saída da Praza da Devesa
- Retransmisión en directo a través de youtube.
- 19:00 Concurso de coplas de Entroido. Praza do Concello.
- 20:00 Discoteca Móbil A Gramola Tour Track
Luns 20 e martes 21 de febreiro
- Centenario enfrontamento entre os barrios de A Feira e Castro Barreiro, con verbenas no dous lados.
Martes 22 de febreiro
- 17:00 Presentación das Carrozas e Comparsas do Castro Barreiro e da Feira na Praza do Concello, e ás 19:00 no cruceiro da Fontedapedra.
- Retransmisión en directo a través de youtube.