O domingo será un día emotivo no Entroido de Salceda. Ese día o concello vivirá unha viaxe ao pasado, un impulso para converterse, case sen discusión, nunha das mellores festividades de Galicia. Despois de máis de 50 anos desaparecido, volve o Rancho do Entruido tradicional acompañado de figuras míticas desta festividade como os cabaleiros, as damas, os danzantes e os mamarrachos.
Este martes, 6 de febreiro, o equipo de goberno municipal presentou oficialmente a recuperación desta tradición cun acto público na Praza do Concello. O Entruido cobrou forma anticipadamente coa presenza destas figuras que fan do Entroido de Salceda un evento diferente na provincia de Pontevedra. Os veciños asistían ao retorno do cabaleiro, o xinete que daba os primeiros pasos antes da cita do vindeiro domingo. No corazón de Salceda, tamén “revivían” unha dama, un danzante e un mamarracho en representación dos demais elementos que compoñen este Entruido tradicional de Salceda.
O particular Entruido terá lugar o domingo, 11 de febreiro, coa presentación, ás 12:30 horas na Praza do Concello, do Rancho de Entroido da Feira na que participarán os históricos cabaleiros para realizar as súas tradicionais danzas acompañados de seis danzantes e dúas damas con bailes propios e únicos de Salceda. O viaxe ao pasado comezará uns minutos antes no barrio da Feira, onde, ás 11:00 horas, terá lugar a presentación do rancho e os cabaleiros.
Esta recuperación do Entruido ollará tamén ao pasado e contará con el. Así, dous danzantes e unha dama do último Rancho de Entruido, celebrado en 1964, pasarán a testemuña aos novos protagonistas deste 2018. Despois de este emotivo e simbólico evento, arrancará a danza para moverse xa cara á Praza do Concello.
Pode ser do teu interese: Consulta a programación de todo o Entroido de Salceda
O secretario da Asociación Cultural de A Feira, Manuel Cabaleiro, apuntou durante a presentación do evento que o outro elemento que recupera o Entruido tradicional de Salceda son as borralladas dos mamarrachos, que terán lugar ás 13:30 horas no Parque Raíña Aragonta. Neste caso, os mamarrachos tirarán borraia aos asistentes que non vaian disfrazados.
Cabaleiro sinalou que a iniciativa saíu da xente do barrio, que quería "recuperar de novo unha serie de valores histórico-artísticos que facían do Entroido de Salceda un evento único".
O alcalde Marcos Besada afirmou que "é un orgullo que Salceda sexa unha referencia no mundo do folclore" e tirou de ironía para xustificar a iniciativa e o traballo de A Feira para recuperar o Entruido "para animar aos de Castro Barreiro a facer o seu propio Rancho e ter así a faena completa". É importante lembrar que outra das características destas festas en Salceda é o enfrontamento que cada ano practican ambos dous barrios, o de A Feira e o de Castro Barreiro, por alzarse como o mellor Entroido.
Besada destacou que a recuperación do Entruido tradicional debería achegar a festividade de Salceda a lograr a declaración de Interés Turístico por parte da Xunta de Galicia.
A concelleira de Cultura, Teresa Pérez, agradeceu a Asociación Cultural de A Feira a iniciativa de recuperar este carnaval tradicional e, "xa que isto era unha tradición entre dos barrios", invitou a Castro Barreirro a dar o mesmo paso. Ademais, convidou á xente "a achegarse o domingo pola mañá" á Praza do Concello para gozar duns festexos que levaban máis de medio século desaparecidos.
Por que Entruido?
O alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, salientou que o cambio da semántica da palabra Entroido débese á forma de falar na zona do Val do Caselas, sobre todo nunha época no que o galego non estaba normalizado. "Ao igual que dicimos truita, dise Entruido", apunta o rexedor local.
Por que desapareceu o Rancho?
Os cabaleiros coas súas tradicionais vestimentas non saíron á rúa dende a Guerra Civil, pero Salceda si seguiu celebrando o seu Entruido pese á chegada da ditadura e as multas do réxime. Non obstante, o influxo dos emigrantes de Brasil polo Carnaval de Río de Xaneiro acabou por fusionar ambas festividades no que coñecemos recentemente cos desfiles de comparsas e carrozas.
Agora, máis de medio século despois, Salceda de Caselas recupera estas dúas formas de gozar o Entroido, a vertente galega y a festiva e colorida do Brasil.