O espectáculo "Cubo" de Elefante Elegante abre a programación teatral de Tui

Imaxe da peza teatral "Cubo" // VANESA RÁBADE

Publicidad

Unha obra de teatro xestual dirixida a público familiar abre este venres a programación de 2022 no Teatro Municipal de Tui. Trátase de “Cubo” un espectáculo da compañía Elefante Elegante. A cita será este venres, 4 de febreiro ás 19:00 horas no Teatro Municipal de Tui.

María Torres e Gonçalo Guerreiro dirixen e protagonizan esta obra que transcorre nun cubo de metros de lado. Aí viven os dous personaxes desta historia. Ela, curiosa e decidida. El, tenro e divertido. Un día, a curiosidade invade o seu cubo e deciden que queren ir máis aló, descubrir o mundo enteiro. Sempre conseguiron poñerse de acordo ata hoxe, pero á hora de elixir o seu destino non poden chegar a un consenso. Ela quere percorrer un camiño en busca de preguntas e el quere buscar respostas na dirección oposta. Que solución atoparán? Norte, Sur, Leste ou Oeste? Xuntos ou separados?

O espectáculo ten a súa orixe na abstracción da figura xeométrica do cubo e parte da situación de encerro que todos vivimos para evocar a amizade, as separacións, a necesidade de descubrir o mundo e a aventura de medrar. CUBO é un xogo e un xoguete de fantasía, humor e poesía visual.

As entradas están á venda na web municipal do Concello de Tui (premer aquí) aos prezos de 4 euros e 3 euros. Cómpre lembrar que están xa a venda tamén as entradas para os seis espectáculos que conforman a programación de febreiro e marzo no teatro tudense.

Salir de la versión móvil