Un ano máis, e van cinco, Moaña acolle unha Feira de Adopcións de Animais que busca sensibilizar sobre a responsabilidade de ter mascotas á vez que se buscan fogares para animais abandonados e se recadan fondos para a actividade de diferentes protectoras da contorna.
A cita, que se celebrará entre o sábado 21 e o domingo 22 na contorna do Palco da Música, contará coa presenza dunhas 13 protectoras, que darán conta do seu traballo diario e das necesidades dos animais en adopción.
A actividade comezará ás 17:00 horas do sábado coa aperturas dos postos que dará paso, ás 18:00 horas ao concerto de Jugones, banda de pop e rock de Santiago de Compostela que “xoga” en acústico con versión e temas propios de pop rock. Xa o domingo a feira comezará ás 12:30 horas cunha sesión vermú e degustación de petiscos veganos. Pola tarde terá lugar un paseo canino ás 17:00 horas e un desfile de animais en adopción ás 18:00 horas.
O domingo será tamén unha xornada galáctica xa que as protectoras da contorna coa axuda do exército imperial de Star Wars para fomentar as adopcións. A Lexión 501 percorrerá a feira e saudará aos asistentes, que se poderán tomar fotografías con eles. Tamén se instalará un photocall.
Ademais, ao longo de toda a fin de semana haberá dúas barras solidarias con bebidas e petiscos veganos. A cita está organizada polo Concello de Moaña en colaboración con Colonias Canguesas, Asociación Protectora de Animais do Morrazo Monte de Broullón, Patudos Peludos, Gatiños de Rúa Adestraocan, Minchiños, Galgos 112 e BaasGalgo.