O festival "indestructible" da música emerxente quece motores en Vigo

Imaxe de Arquivo dunha edición anterior do Revoltallo // FOTO CEDIDA REVOLTALLO

Publicidad

Un ano máis, e xa van 28, prosigue a aposta da parroquia de Valadares pola música en galego e actividades para toda a familia, obradoiros e moita cultura coa celebración da XXVIII edición do Revoltallo, o festival máis lonxevo de Vigo e un dos históricos de Galicia.

A cita terá lugar os días 10, 11 e 12 de setembro e regresa co obxectivo de “poñer ritmo a toda a cidade”. As propostas desta vixésimo oitava edición pasan polo rock, a música experimental, a electrónica ou o pop en galego. Grupos e música para todos os gustos no entorno rural de Valadares.

O festival ofrece música segura cun protocolo específico contra a Covid-19 e un novo formato, combinando sesións vermú e sesións solpor. A Xuntanza Xuvenil mudou a proposta deste festival, convertendo o Revoltallo nunha cita para toda a familia nos diferentes espazos que oferta na contorna do Centro Veciñal e Cultural do Pedregal. O acceso é libre e a entrada é de balde, ata completar aforo.

Programación

Venres 10

A programación musical arrinca á tarde coa música de MJ Pérez. Seguirán as versións máis coñecidas da música con Los Naipes e, para continuar, Holywater serán os encargados de encher a parroquia de auténtico rock and roll. O fin de festa corre a cargo de Goaliza, DJ experimental de música electrónica. Para os nenos, haberá sesión de Clown e Maxia pola tarde a cargo de Troula Animación.

Sábado 11

O sábado 11 de setembro tocaralle inaugurar o escenario da sesión vermú ao acústico de Lardelúa, un dúo que versiona música tradicional con rock and roll. Tamén no aperitivo será a quenda de Enxeito, nunha mestura de funk e rap tremendamente divertido. A música continúa pola tarde, abrindo co son de Bandallus Aquaticus, unha sesión de música experimental, perfecta para quentar motores. A continuación, o pop alternativo de Babieca dará ritmo a unha noite de música sen fin. A mítica banda viguesa Cró! volve ao Revoltallo presentado novo traballo no festival. Ademais, a actuación deste grupo traerá consigo un espectáculo luminoso ao son da música. A continuación, o músico emerxente con máis éxito de Galicia, Grande Amore, fará bailar a todos co seu peculiar trap en galego. Para pechar, o DJ Paco Nonovo, fará o fin de festa. As actividades infantís terán lugar ao longo de toda a tarde: música e narración oral coa Orquesta Camarote e Tarabelos.

Domingo 12

O domingo, a música trasladarase ao auditorio do Centro Cultural con Xan Campos Trío e a música de Cernadas acompañada pola voz de Fransy González. A xornada tamén está cargada de actuacións infantís con maxia de Maxia na Manga e os contacontos de Donde viven los cuentos.

O festival máis lonxevo de Vigo

“Un ano máis, e a pesar das dificultades de celebrar un festival nestes tempos, o obxectivo que a música emerxente galega non perda o seu espazo dentro do circuíto de festivais galegos, e xa son 28 anos ininterrompidos dando a coñecer os novos talentos que crean na nosa lingua. O compromiso e tenacidade da organización para non deixar caer esta cita mítica coa música en Valadares, farán que o Revoltallo siga entre nós moitas edicións máis”, sinalan dende a organización.

O Revoltallo naceu na década dos noventa dunha novidosa idea de incluír estilos tan diferenciados como o indie, tecno e o hardcore, cun presuposto moi limitado pero defendendo ano tras ano o seu humilde cartel ante os seus máis acérrimos seguidores. Esta é a XVIII edición ininterrompida que aposta polos novos intérpretes galegos, consolidando o seu espazo como o festival que descubre aos novos intérpretes do futuro.

Salir de la versión móvil