Un dos festivais folk máis importantes de Galicia, o Intercéltico do Morrazo, en Moaña, non se celebrará no verán como é costume. O Concello vén de comunicar o seu adiamento ao outono co obxectivo de “garantir a súa celebración” debido á crise sanitaria provocada polo coronavirus.
O festival pasará polo tanto do mes de xullo á segunda fin de semana de outubro co obxectivo de que entón si se poidan celebrar eventos de gran afluencia ao aire libre. “Con este cambio búscase garantir a celebración deste evento que é o de maior proxección cultural na nosa vila, contribuíndo á dinamización da actividade económica, fundamental para o comercio e a hostelería locais”, explican dende o comité organizador.
O goberno municipal lembra que “nestes momentos de crise sanitaria e social, desde as entidades locais debemos de manter os compromisos adquiridos coas persoas artistas, creadoras e o persoal técnico implicado na loxística e produción dos eventos”.
Esta non é a primeira vez que o festival se enfronta aos elementos. No 2017 Xabier Díaz asinou un dos “concertos máis bonitos da súa vida”. Unha inesperada chuvieira anulou todos os equipos eléctricos, pero Díaz e as Adufeiras do Salitre decidiron vibrar igualmente co folk Atlántico a viva voz. Desde o comité traballan agora con este novo imprevisto “coa convicción de que esta edición será inesquecible pola gran calidade dos grupos que formarán parte do cartel”.
O comité está composto pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, os músicos Anxo Lorenzo e Iván Costa e os concelleiros Coral Ríos, Marta Freire, Carlos Juncal e Aldán Santamarina.