O festival "máis gamberro e freaky" de Galicia busca filmes para a súa nova edición en Vigo

Publicidad

O Festival Internacional de Cinema Freak de Vigo abre a convocatoria de recepción de traballos para participar na súa seguinte edición. Desde o 24 de xaneiro ata o 10 de xuño o Galician Freaky Film Festival, o festival de cinema máis gamberro e divertido de Galicia, abre os buzóns para a recepción de filmes que formarán parte da súa oitava edición. A inscrición pode realizarse a través da plataforma Click for Festivals, ou de xeito gratuíto a través do formulario dispoñible na súa web (fai clic aquí). No 2023, o GFFF recibiu preto de 600 filmes dos cinco continentes, cos que construíu unha abraiante escolma do máis destacado do audiovisual freak mundial máis recente.

A convocatoria que lanza o Galician Freaky Film Festival cada ano está aberta á participación de cineastas profesionais ou afeccionados de calquera parte do mundo, sen límite de traballos por autor, sempre e cando foran producidos en 2022 ou despois. Só se admitien curtametraxes, que deben ter unha duración máxima de 30 minutos e encaixar nalgún dos estilos do festival: terror, fantasía, ciencia ficción, comedia ou freak.

Tamén poderán presentarse filmes dirixidos a público infantil e familiar que queiran formar parte do Pequefreak, a xornada que, desde hai tres anos, o certame dedica en exclusiva a mergullar o público miúdo na cultura freak e infundir a paixón pola sétima arte nas xeracións máis novas.

Os filmes seleccionados pasarán a formar parte da sección oficial da oitava edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará os días 20 e 21 e do 25 ao 28 de setembro, e optarán a algún dos oito premios que o certame reparte, outorgados polo público e por un xurado especializado. Novamente, os gañadores das tres categorías máis destacadas do certame, Gran Premio GFFF á curtametraxe máis freak, Premio Olimpo dos Freaks á curtametraxe máis aplaudida e Premio Olimpo dos Pequefreaks á mellor curta cativa, recibirán un premio en metálico de 250€, ademáis da carismática estatuíña do Dinoseto decapitado.

Oito anos de 'freakismo' 

O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Desde hai oito anos trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só desfrutables nalgúns dos mellores festivais do mundo.

Unha abraiante selección de obras, unha coidada programación de actividades paralelas e un ambiente único fan que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para gozar do GFFF, unha experiencia que vai alén do cinematográfico e que se converte nunha auténtica experiencia de comunidade.

Salir de la versión móvil