O Festival Primavera do Cine en Vigo quenta motores e publica as datas da súa nova edición

Publicidad

O Festival Primavera do Cine en Vigo quenta motores. O festival cinéfilo da cidade olívica abre o prazo de recepción de películas que durará dende este venres 19 de maio ata o venres 30 de xuño. A convocatoria vai destinada a películas de produción galega en tres posibles formatos: curtametraxe, longametraxe e videoclip. Ademais, tamén se admiten curtas e longametraxes de países das áreas lusófonas.

Dende a organización detallan que os filmes deberán estar producidos a partir do ano 2021 e, para inscribirse, as produtoras ou cineastas interesados deberán facelo a través da páxina web do festival.

Datas oficiais

O Festival Primavera do Cine anuncia que a súa decimo segunda edición terá lugar na cidade olívica dende o martes día 5 ata o domingo día 10 de setembro. Nestas datas, as proxeccións da sección oficial sometida a premio do público e xurado serán visualizadas no Auditorio Municipal do Concello. Do mesmo xeito, e como xa veñen sendo tradicional, as curtametraxes proxectaranse no museo MARCO.

Dende a organización do festival destacan que “o máis salientable de este evento é que levamos doce anos traendo o máis salientable da cinematografía galega e, durante catro anos, a lusófona, de países como Portugal, Brasil ou Angola, a través de títulos de referencia internacional, moitos deles estreados en Galicia e en España”.

Ademais, os responsables do Festival Primavera de Cine de Vigo destacan a “elaborada programación de alta calidade do evento, en correspondencia co bo momento polo que está a pasar a cinematografía galega”, sinalan. Por iso, indican que “buscarase ofrecer títulos moi variados en canto a xéneros e propostas estéticas, que resulten atractivas para os espectadores e onde unha boa parte da programación estea ligada ao compromiso social e aos valores humanos”.

Do mesmo xeito, a organización comprométese a que “se fará un esforzo na planificación de actividades paralelas que enriquezan o evento máis alá das proxeccións e que cheguen a un público o máis variado e numeroso posible, tanto infantil, estudantes como profesionais do sector”.

Salir de la versión móvil