Xa temos os tres cabezas de cartel da nova edición do festival de San Miguel de Oia. A galega SÉS e os madrileños Biznaga únense ao cartel do The Wild Fest que xa contaba coa presenza de Ángel Stanich e na que tamén haberá sesións vermú, a final do concurso Salvaxesons e actuacións para público familiar.
O festival celébrase no Parque Forestal de San Miguel de Oia os días 23, 24 e 25 de xuño, un espazo natural con merendeiro, bosque autóctono e miradoiros á ría e as Illas Cés. Ademais da posibilidade de desfrutar de música e cultura na natureza o entorno propicia a realización de actividades como Orientaventura, actividade de orientación por equipos que cada ano enche as súas prazas; e Canicross, carreira na que os participantes van acompañados do seu can.
As entradas están á venda na web do festival a prezo reducido ata o 31 de marzo. Só será de pago o sábado 24, xornada na que se celebrarán os concertos de SÉS, Ángel Stanich e Biznaga, entre outros. A entrada do venres e domingo é de balde. O certame ofrece a posibilidade de pasar a noite nun cámping acondicionado para a ocasión no que tamén hai cabida para furgonetas e autocaravanas.
SÉS e Biznaga actuarán o sábado
A cantautora SÉS é a aposta galega para a quinta edición do The Wild Fest. Coñecida polo seu arrasador talante sobre os escenarios e a forza da súas letras. Sés mestura música tradicional con blues, rock & roll e canción de autor e os seus concertos están marcados pola súa personalidade carismática, honesta e combativa. No seu último disco "Diante un eco", lanzado o pasado novembro, SÉS volve aos comezos da súa carreira, pero desde a madurez e experiencia de quen ten oito discos publicados e quince anos de carreira musical.
Biznaga é unha das bandas máis eloxiadas do novo punk español. O grupo de malagueños afincados en Madrid fai temas de pop contundente e punk renovado que falan de temas actuais como a xentrificación, a vixilancia tecnolóxica ou a precariedade cun son protagonizado por guitarras. Co seu último disco, "Bremen no existe", xiraron tanto por España como por Latinoamérica e Europa.
Entradas xa á venda
As entradas para o sábado, único día de pago, están desde hoxe á venda na platorma Vivetix. As primeiras 400 venderanse a prezo especial de lanzamento de 15 euros. As persoas que desexen durmir no cámping poderán reservar xa a súa praza por un suplemento de 5 euros. O acceso ao cámping estará aberto entre o venres 23 ás 15:00 horas e o luns 26 ás 12:00 horas. Como novidade deste ano, e debido ao gran número de preguntas e suxestións recibidas en anteriores edicións, este ano habilitarase un espazo para furgonetas e autocaravanas. A reserva nesta zona, con capacidade para 50 vehículos, ten un custe de 10 euros por vehículo.
The Wild Fest
Data: 23, 24 e 25 de xuño.
Localización: Parque Forestal San Miguel de Oia.
Prezo: Venres e domingo de balde. Sábado, a partir de 15 euros. Suplemento de camping, 5 euros e de vehículos, 10 euros.