Auga, unha illa e, coma sempre, un cartel secreto. O festival Sinsal xa deu a coñecer as datas na súa nova edición, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de xullo na illa de San Simón. Dende a organización avanzan que será tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas e máis de vinte bandas e artistas que formarán parte da programación secreta. Coma sempre, o público descobre quen actúa cada día unha vez desembarca esa mesma xornada na Illa.
O Sinsal é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido, 800 persoas por día, a posibilidade de desfrutar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento.
Desde os seus inicios, a promotora Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. Todas elas, chegadas desde os cinco continentes, presentaron en San Simón as súas propostas musicais para, anos despois, ser parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo.
Este ano, o evento volverá acoller a estrea estatal de numerosas agrupacións e solistas chegadas doutros países. Artistas que, tamén como é habitual no festival, convivirán co público asistente durante a súa estancia no corazón da Rías Baixas.
A edición 2023 do festival desenvolverase en horario diurno. O público chegará en barco ata a illa para gozar das actuacións, que este ano terán lugar en tres escenarios diferentes nos que se poderá gozar dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras; ademais de coñecer o patrimonio oculto da illa a través de diferentes actividades divulgativas que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo o día. Así, durante toda xornada, e ata coller o barco de volta co solpor, as e os asistentes poderán experimentar unha proposta singular única no panorama musical estatal, na que música, cultura, diversidade, igualdade e sostibilidade conviven co patrimonio natural dun espazo declarado Ben de Interese Cultural.
Premiado pola súa contribución á igualdade
O festival Sinsal vén de gañar o galardón "Best Contribution to Equality" nos Iberian Festival Awards, os premios da industria de festivais en España e Portugal. Este recoñecemento o sitúa como o evento máis relevante en canto á Contribución á igualdade.
Dende a organización apuntan que este premio pon en valor a aposta de Sinsalaudio por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo; ademais de nunca repertir no seu cartel creadoras e creadoras, ou o coñecemento de novos artistas -o 90% das bandas e solistas actuaron en 2022 por vez primeira en Galicia ou España en San Simón. Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza queer é relevante en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán.
Recentemente o festival tamén foi sinalado pola Fundación Contemporánea, no seu informe anual ‘Lo mejor de la cultura 2022’ como proxecto cultural exemplar polo seu compromiso e contribución cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), sendo a única iniciativa galega que forma parte desta clasificación estatal.