Os “Días de Mar”, a programación cultural e de ocio impulsada pola concellería de Turismo durante os meses de agosto e setembro en Moaña, contará este ano cunha cita inaugural de luxo. A artista María Xosé Silvar -máis coñecida coma Sés- ofrecerá un concerto gratuíto na noite do sábado, 1 de agosto.
O concerto, que se engloba dentro do programa de subvencións municipais para concertos Musigal, da Deputación de Pontevedra, permitirá desfrutar de balde dunha das artistas máis recoñecidas e populares do mapa musical galego.
Dende o seu primeiro disco en 2011, María Xosé Silvar leva facendo oír a súa voz a cada vez máis xente, en todos os sentidos: compoñendo e interpretando cancións que van do rock á música latina e expresando co seu carisma e honestidade unha visión propia e inconformista do mundo. A cantautora galega caracterízase por facer básicamente o que lle peta no escenario, sen atender a ningún tipo de prexuízo.
A Moaña chegará co seu sétimo traballo, “Liberar as Arterias”, baixo o brazo, xa que está previsto para o 21 de febreiro. Soamente fai unhas semanas, adiantaba o single “Espiña sen rosa” no que mestura o seu mellor estilo con guitarras, baterías, pandeiretas... un tema que ten como eixo a loita feminista. Sés anima a levantarse, a romper as mordazas, a ser unha mesma. En “Liberar as arterias”, Sés percorre América de norte a sur.
A programación de Son de Mar, de Moaña, acolle cada ano citas musicais como o Festival de Jazz, pero tamén gastronómicas como a Festa do Mexilón ou a nova Feira do Mel, ademais de exposicións e actividades familiares.