O lume e a percusión de Troula abren o Moaña Antiqua

Publicidad

O lume e a percusión venceron á escuridade e ao silencio da primeira noite de Moaña Antiqua. A festa de época que ten lugar na parroquia de San Martiño durante esta fin de semana comezou o venres cunha das citas máis esperadas, o espectáculo de Troula Animación. O conxunto teatral chegaba á comarca do Morrazo con "Errantes", unha "peregrinación eterna" que meteu de cheo ós asistentes na época medieval.

O espectáculo comezou na Casa da Música. Troula Animación facía partícipe ao público do Moaña Antiqua. O "Orloc" (con certo parecido ao orco de Tolkien) saía do seu carro para capturar a pequenos e maiores. O lume e a música eran as grandes protagonistas nas primeiras horas de Moaña Antiqua. Os asistentes daban xa os primeiros bailes arredor dos fachos e das bengalas. A noite era unha festa. A viaxe á Idade Media xa estaba feita.

Moaña Antiqua tamén deixou na primeira xornada o pregón de Iria Collazo, que avogou por bailar moito durante os tres días do evento, e polo pase curto de cetraría. Sen embargo, todavía queda moito por gozar nesta festa de época que festexa a súa terceira edición. Este sábado, entre os eventos máis destacados están as loitas medievais a cargo de Adoc Cabaleiros ás 20:00 horas, a presenza da Pitonisa Felisa, unha haima de adivinación e tarot, de 20:00 a 22:00 horas e o primeiro gran día da exhibición de cetraría por parte de Rapaces do Salnés.

Esta segunda xornada de Moaña Antiqua pechará co concerto de Caxade. O conxunto, un dos máis importantes no panorama folk, comezará o seu recital ás 22:00 horas no Adro de San Martiño.

Os máis pequenos tamén teñen o seu espazo en Moaña Antiqua. De 17:00 a 21:00 horas hai obradoiros infantís a cargo de Matrácala no que os nenos e as nenas poderán facer escritura medieval, acuñación de moedas, lacrado ou xilografía. Ademais, a cativada ten a súa disposición atraccións medievais e artesanais.

Como chegar a Moaña Antiqua?

A festa de época ten lugar na contorna da igrexa de San Martiño. Non obstante, a organización pon autobuses gratuítos con saída dende A Xunqueira pasando pola Praza de Abastos de Moaña. A saída e ás horas en punto da Xunqueira e ás medias dende San Martiño.

Salir de la versión móvil