Poucos lugares hai no mundo que teñan tantos tesouros naturais como Galicia. En toda ese ampla colección de xoias, de paraísos, está a comarca do Morrazo. O Concello de Moaña posúe moitos segredos que veñen de ser descubertos nestes últimos anos. A vila que inspirou a Domingo Villar para a súa última novela protagonizada por Leo Caldas acolle unha ampla programación cultural en verán no marco de Días de Mar. Nesa oferta destaca o Festival de Jazz de Moaña, un certame musical que este ano celebra a súa sexta edición. Un evento totalmente consolidado que, ademais do potencial do seu cartel, ten como gran atractivo o seu escenario, a beleza do Arboredo da Xunqueira e a súa espectacular panorámica sobre a Ría de Vigo.
Jazz e natureza volverán fusionarse en Moaña. O festival moañés permitirá gozar desta experiencia única a fin de semana do sábado 13 e o domingo 14 de agosto. Serán dúas noites de jazz de balde nas que se poderá desfrutar de dúas grandes propostas musicais á beira do mar da vila morracense. Nesta sexta edición do Festival de Moaña o papel protagonista será para poñer en valor o traballo de dous dos máis grandes saxofonistas que temos no país.
A xornada do 13 de agosto os asistentes poderán gozar da proposta de Pablo Castaño, que presentará o seu proxecto “A-la-laa”, onde ademais do seu cuarteto habitual acompañarase no escenario da cantora Ugía. O evento pecharase o domingo 14 coa proposta internacional de Fernando Sánchez, que convidará a tres xoves pero grandes músicos do jazz europeo como son Andreu Pitarch na batería, Tommaso Perazzo ao piano e Steven Willem Zwanink no contrabaixo.
Os concertos que compoñen as veladas das dúas xornadas do Festival de Jazz de Moaña comezarán ás 21:30 horas no Arboredo do Parque da Xunqueira.
Por outra banda, ademais dos concertos nocturnos, o evento acollerá o domingo 14 de agosto, ás 13:00 horas, dunha nova actuación musical neste precioso parque. Nesta ocasión será o trío do guitarrista Felipe Villar o encargado de deleitar coa súa música nesta sesión vermú á beira do mar.
En definitiva, o Festival de Jazz de Moaña preséntase como a forma ideal para desfrutar dunha fin de semana fantástica para gozar do mellor jazz, da praia, o sol e a natureza que ofrecen un dos mellores espazos das Rías Baixas.