O Morrasound, o festival que estreará o verán de 2020 en Pontevedra

Publicidad

O Morrasound é un festival especial. A súa proposta musical é o rock, pero nas catro edicións celebradas puidemos gozar de espectáculos para a cativada, teatro e mesmo deporte urbano. A programación é transversal. Busca chegar aos públicos de todas as idades. Non obstante, o outro espectáculo que ofrece o evento que ten lugar en Domaio é o seu emprazamento. O Mirador da Fontenla posúe unhas vistas privilexiadas tanto da ría de Vigo como da ponte de Rande, unha panorámica brutal que se mestura cunha gran acústica.

A Asociación Cultural da Fontenla xa cociña unha quinta edición que anunciou xa as súas datas. Fíxoo o 28 de decembro, Día dos Inocentes, con esa retranca habitual que tanto caracteriza a unha organización que xa neste 2019 publicou un curioso vídeo promocional do festival aludindo a outros eventos como O Son do Camiño, o Resurrection Fest ou O Marisquiño. Nesta ocasión, o Morrasound 2020 desprázase ao mes de xuño, concretamente aos días 19 e 20 e xa invita ao seu público a levantar eses cornos. “Estamos preparándovos o festón do verán 2020”, sinala o texto do cartel deseñado por Roberto Argüelles.

O Morrasound preséntase, polas datas, coma un festival que permitirá despedir a primavera e dar a benvida ao verán. Segundo os datos oficiais, a tempada estival comezará o día 20, a segunda xornada deste evento que levou no último lustro a artistas consagrados coma Sés, Julián Maeso, Leo Bassi ou O’Funkillo.

O festival moañés coincidirá en datas co evento O Son do Camiño que ten lugar no Monte do Gozo os días 18, 19 e 20 de xuño. O Morrasound segue apostando pola diferenciación e pola súa singularidade ante este tipo de "macro" festivais. Polo momento, o único que se sabe sobre o evento que organiza a Asociación Cultural A Fontenla son as súas datas, agora queda coñecer os primeiros compoñentes do seu cartel e cando saen á venda as entradas.

Salir de la versión móvil