O Mumi traslada a súa programación a Tui tras a morte do expresidente luso Jorge Sampaio

Publicidad

O Mumi 2021, que se celebra den de o pasado xoves, pechará hoxe a súa programación cambiando o escenario de Valença a Tui despois do luto nacional de tres días decretado no país luso polo pasamento do expresidente Jorge Sampaio.

Durante esta tarde deste sábado as citas para o público xeral serán no Paseo da Corerdoira a partir das 19:00 horas con La Duendeneta seguidos ás 20:00 horas de Pulpiño Viascón. O peche final ao evento terá lugar no Teatro Municipal de Tui co concerto de clausura da banda portuguesa Galandrum Galundaina e da artista alega Uxía. Todas as citas son gratuítas.

Considerado como un dos proxectos musicais máis relevantes no contexto folk de Portugal durante os últimos vinte e cinco anos, Galandum Galundaina construíu un espazo no que o pasado e o futuro da música arraiana van da man. A formación, considerada a embaixadora da música das Terras de Miranda, desenvolve un traballo de investigación ao redor dos instrumentos tradicionais -extraordinario no caso da gaita de fol mirandesa pero tamén en aparellos sonoros de construción propia- así como de promoción cultural, coa organización de eventos como o Festival itinerante de cultura tradicional “L Burro i l Gueiteiro”. Paulo Preto, Paulo Meirinhos, Alexandre Meirinhos e João Pratas son Galandum Galundaina, con catro discos de estudio e un DVD ao vivo no seu haber; é sobre no escenario onde resplandece un repertorio vocal e instrumental na herdanza do cancioneiro tradicional das Terras de Miranda, no que as harmonias vocais e o ritmo das percusións transportan a un universo atemporal.

Pola súa parte, Uxía é unha das maiores embaixadoras da música e a poesía galegas. Nos seus máis de 35 anos de carreira artística renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, combinando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Algúns dos temas máis recorrentes que explora nos seus traballos son a busca dun espazo para a voz da muller, o diálogo entre culturas, a poesía contemporánea galega e portuguesa e a defensa da identidade lingüística. Creou o seu repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como Dulce Pontes, António Zambujo, Sara Tavares ou Tito Paris, e en España con artistas como Santiago Auserón, Martirio, Carmen París ou Sílvia Pérez Cruz.

Salir de la versión móvil