O Museo Liste de Vigo buscará as “verbas perdidas” nas Letras Galegas

Publicidad

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano homenaxean ao historiador e xeógrafo Antón Fraguas, o Museo Liste de Vigo (rúa Pastora, 22) organizará diversas actividades pensadas para os máis pequenos.

A programación arrancará ás 10:30 horas do venres 17 de maio coa actividade “apañando verbas perdidas” , que se centrará en buscar palabras hoxe en desuso. Unha hora máis tarde, ás 11:30 horas, os nenos e nenas que se acheguen ao museo poderán participar nunha serie de obradoiros para coñecer a figura de Fraguas a través de actividades pensadas para eles. Á mesma hora celebrarase unha visita guiada ao museo.

Día Internacional dos Museos

Se o 17 de maio o Liste celebra as Letras Galegas, unha xornada máis tarde, o sábado 18, o museo celebrará o Día Internacional dos Museos. As actividades comezarán ás 11:00 horas coa lectura do manifesto titulado “Os museos como eixes culturais: o futuro da tradición”.

Ás 11:30 horas será o momento dunha visita guiada especial á exposición permanente cunha mirada ao Museo Olimpio Liste de Oseira, a través dunha escolma de pezas singulares, que evidencian a débeda etnográfica desta herdanza no 20 Aniversario do Museo Liste Etnográfico de Vigo.

Ás 12:30 horas terá lugar unha visita guiada á nova exposición temporal “A mesa farta” que xira en torno á etnografía e cultura alimentaria de Galicia.

Salir de la versión móvil