O outono ten a súa propia praza de abastos: así é o Mercado de Outono de Tomiño

Publicidad

O outono chega ao Mercado do Tomiño de forma activa. A Asociación de Praceiros e o Concello de Tomiño organizan o Mercado de Outono os días 7, 8, 9 e 10 de novembro, catro días dedicados á cociña de outono no que haberá diferentes actividades que xirarán arredor dos cogomelos e dos alimentos de tempada e no que nos postos do mercado poderán mercarse pans especiais, froitos secos, verduras de tempada do Baixo Miño, mariscos, produtos de caza de moito máis.

As actividades comezan este xoves 7 da man de Amparo Grandío, de Conservas Petiscos, que será a encargada de realizar tres demostracións para aprender a elaborar conservas artesanais: o xoves 7 de mexillóns en escabeche, o venres 8 de cogomelos ao natural e o sábado 9 de foie grass de fígado de porco. Todas as demostracións serán ás 11:30 horas no Mercado de Tomiño e serán de entrada libre.

Todas as persoas interesadas nos cogomelos poderán gozar de dúas interesantes charlas. O xoves 7, ás 20:30 horas, da man de María Cabaleiro, micóloga de MycoGalicia Plantae e do laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, que descubrirá a todas as persoas asistentes o mundo dos cogomelos. Pola súa banda, o venres 8, ás 20:30, a bióloga especialista en micoloxía do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, Purificación Lorenzo, ensinará ao público cales son os cogomelos tóxicos e as súas posibles confusións.

O sábado pola mañá, ás 13:30 horas, o Mercado de Outono contará cunha sesión vermú na que haberá música en directo.

Ao abeiro do Mercado de Outono celebraranse este ano a cuarta edición das Xornadas Micolóxicas os días 9 e 10 de novembro, con saídas didácticas e degustacións. O sábado 9, ás 09:30, celebrarase a primeira saída ao monte desde o propio Mercado para recoller cogomelos, saída que rematará ás 13:30 horas cunha degustación para todas as persoas participantes. A saída repetírase o domingo 10 no mesmo horario.

Esta actividade ten un custe de 8 euros por persoa e as prazas son limitadas. Todas as persoas interesadas poden facer a súa inscrición e comprar os seus tíckets no propio Mercado de Tomiño.

Salir de la versión móvil