O papel da educación para facer fronte á violencia machista centra o 25N de Tui

Publicidad

Dando voz aos nenos e nenas para coñecer a súa mirada sobre un tema tan importante coma a violencia de xénero, no pleno infantil celebrado onte venres, comezou o programa de actividades organizado polo Concello de Tui con motivo do 25 de novembro, o Día Internacional para a erradicación da Violencia Contra a Muller.

Precisamente a infancia e a adolescencia son os sectores da poboación nos que este ano vai incidir especialmente a campaña posta en marcha polo Concello de Tui. Un traballo centrado na educación, na información, na concienciación e na prevención deste tipo condutas.  Os carteis da campaña lanzan unha mensaxe directa aos e ás adolescentes sobre o que poden ser relacións  nocivas e sobre a axuda que teñen ao seu carón.

Para iso dende a Concellería de Igualdade organizáronse unha serie de actividades nos distintos centros educativos. Así haberá contacontos e talleres formativos para o alumnado de Infantil e Primaria e a performance “A última cea” de Uxía Morán chegará ao alumnado de Secundaria. Amais o xoves 24  está programada a charla informativa “Agresións sexuais e violencia sexual” para o alumnado de 2º da ESO do Instituto Indalecio Pérez Tizón. Mentres o alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos asistirá o xoves 24 ao monólogo “En pé de igualdade” con Arantxa Treus e Marta Doviro, e o mércores 30 á proxección da película-documental “Serás hombre”, con posterior coloquio coa autora Isabel de Ocampo.

No programa organizado con motivo do 25N tamén se busca dar a coñecer os recursos a dispor das posibles vítimas e da sociedade ante un caso de violencia machista. Así o próximo martes, 22 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez celebrarase a mesa redonda “A violencia de xénero. Prevención, atención e protección”. Na mesma abordarase a atención e asesoramento multidisciplinar ás vítimas, os protocolos de protección e os recursos públicos. Participarán representantes dos equipos VIOXEN da Garda Civil e da Policía Local,  a coordinadora dos Servizos Sociais Municipais, e unha avogada especializada na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.

O 25N estará tamén presente na sesión plenaria de carácter ordinario que o próximo xoves 24 celebrará a corporación municipal de Tui. Será coa lectura da Declaración Institucional e coa constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

O acto central deste programa está previsto para o propio venres 25 de novembro, ás 19:00 horas no interior do edificio dos antigos xulgados, na praza da Inmaculada. Abrirase con “DesAlento” a acción escénica de Mónica Sueiro, seguida da lectura do manifesto e da actuación musical de Sofía Espiñeira.

As actividades continuarán o sábado 26 ás 12:00 horas na praza de Abastos coa performance “A última cea” de Uxía Morán. Mentres o martes 29 ás 19:00 horas na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez, celebrarase a conferencia “As violencias sexuais, do #MeToo ao solo si é si” a cargo de Laura Seara, avogada, deputada, e exsecretaria de Estado de Igualdade.

O sábado 3 de decembro darase continuidade a iniciativa posta en marcha o ano pasado para abordar cos medios de comunicación a presenza das mulleres nos mesmos, as redes sociais, e os cambios dende a aprobación da Lei de Igualdade Efectiva 3/2007 ata a perspectiva de xénero na política e a persistencia de estereotipos de xénero na comunicación e por suposto, elaborar propostas será na II Xornada de Comunicación e Igualdade.

Tamén ao longo do mes de decembro celebrarase o II Programa Municipal de Formación e Intervención interna en materia de igualdade dentro do programa Maruja Mallo dirixido ao persoal do Concello de Tui.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, salienta coma a programación deste ano deseñouse pondo o aceno na concienciación da mocidade da importancia de erradicar a violencia de xénero e as actitudes machistas, así coma de "facer fronte ao negacionismo deste tipo de conductas e actos violentos".

25N en Tui

Programa

Salir de la versión móvil