O papel da muller na industria do cómic, a debate en Vigo

Afundación continúa desenvolvendo a súa programación de actividades complementarias á mostra "A Arte no Cómic", exposta actualmente na Sede Afundación de Vigo, co obxectivo de achegar ao público a novena arte desde múltiples perspectivas.

Mañá xoves 31 de maio, a partir das 19.00 horas, terá lugar o coloquio "Mulleres que fan cómic", incluído no ciclo de mesas redondas e charlas "A Arte no Cómic". Ana Galván, Begoña García-Alén e Rubén Romero participarán neste encontro no que conversarán sobre o papel da muller na industria do cómic, as súas derivas e a situación actual, ademais de falar sobre as súas últimas obras no mercado editorial.

A asistencia é gratuíta previa inscrición no teléfono 986 120 078 ou na ligazón. Finalizará este ciclo o encontro "O museo e o cómic" co prestixioso ilustrador e autor de cómic Sagar Forniés e o director de publicacións do Museo do Louvre, Fabrice Douar o 7 de xuño.

Ciclo de cine

Todos os martes, ás 19.00 h, entre o 22 de maio e o 19 de xuño, proxectaranse cinco filmes franceses baseados en soados cómics que foron galardoados en distintos festivais. O comisario da exposición, Asier Mensuro, foi o encargado de seleccionar estas producións que son unha mostra da hibridación do mundo do cómic co audiovisual.

Os filmes que conforman o cartel desta actividade son Aya de Yopougon, de Marguerite Abouet e Clement Oubrerie; Le tableau, de Jean-François Laguionie; Le chat du rabbin, de Joann Sfar e Antoine Delesvaux; La jeune fille sans mains, de Sébastien Laudenbach; e Quai d’Orsay, de Bertrand Tavernier.

Sobre a mostra

Máis de 70 debuxantes e artistas da novena arte reinterpretan as grandes obras da historia da pintura universal na exposición "A Arte no Cómic", comisariada polo historiador Asier Mensuro e producida por Fundación Telefónica, que se pode ver en Vigo grazas á colaboración con Afundación.

A mostra está estruturada en tres espazos: a presenza do cómic nos grandes museos; historietas desenvolvidas por autores galegos, que inclúe a interpretación en cómic da Colección de Arte de Afundación, obra do ilustrador Jacobo Fernández Serrano; e a homenaxe que realizaron algúns debuxantes a pezas de arte emblemáticas.

Salir de la versión móvil