O Porriño celebra este domingo, día 13 de maio, a tradicional ‘Festa dos Cachos’ na que se agarda que centos de persoas dean conta de centos de pratos deste crustáceo, “digno de reis”, como sinalou a alcaldesa, Eva García de la Torre, durante a presentación.
O programa deste ano empezará ao mediodía coa sesión vermú e a apertura da carpa para dar paso, dende as 13:00 horas, ao servizo nos restaurantes participantes nesta edición: Val da Louriña, Maracaibo, Cólleo con Pinzas, O Carreteiro, La de Chato, Adega de Montero e Restaurante Manolo e O Xantar da Pepa.
Os prezos serán de 6€, para as persoas que acudan a degustar os cachos á carpa, e de 7€ para quen o fagan nos restaurantes participantes. O presidente dos hostaleiros subliñou durante a presentación da festa que este ano a previsión é que a cantidade de persoas que se acheguen ao Porriño sexa maior que en 2017.
Marcelino Coto, concelleiro de Comercio, acompañado por José Manuel Fortes, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño, co-organizadora da festa, e Sindo Lago, vicepresidente da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, impulsora desta festa, lembrou que foi esta asociación veciñal a que recuperou hai tres anos esta celebración, que data de 1810, e que se celebra “no lugar mesmo na que a sitúa a tradición: no Cristo dos Cachos, un lugar emblemático do Porriño”.
O concelleiro sinalou que as pasadas edicións foron un “éxito” e que agardaba que neste 2018 seguise na mesma liña. Para facelo posible, engadiu, conta coa colaboración "total" do Concello que este ano, ademais da animación na rúa, coa actuación de charangas, tamén farase cargo da colocación dunha carpa de 150 metros cadrados, do sistema de son e do corte do tráfico, por medio da Policía Local. Ademais, haberá inchábeis, de balde, para que as cativos e cativas “poidan divertirse, tamén”.