O requeixo das Neves une a Galicia e Portugal: así é a programación da festa gastronómica

Publicidad

As Neves insiste en amosar o potencial do requeixo. O seu produto estrela, cuxa festa gastronómica terá lugar este ano os días 10 e 11 de abril -en plena Semana Santa-, vai alén da súa influencia na cociña. O pasado sábado, este símbolo para o municipio pontevedrés amosou ser un elemento de unión entre Galicia e Portugal. A localidade lusa de Monçao acolleu un gran acto que permitiu coñecer a programación deste evento gastronómico declarado Festa de Interese Turístico de Galicia e que acabo reúne nas Neves a centos de persoas.

A Feira do Requeixo e do Mel volverá contar por segundo ano consecutivo con dúas xornadas. O seu alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e a concelleira de Cultura, Rocío Barreiro, presentaron unha ampla programación dirixida a todo tipo de público. As propostas comezarán este domingo 15 de marzo coa novena edición da “Ruta BTT O Requeixo” que organiza a ACD Sanomedio, unha cita deportiva que comezará ás 08:30 horas.

As Neves seguirá quentando a festa os días previos á fin de semana do 10 e o 11 de abril o xoves día 2 coa terceira edición do Concurso de Receitas con Requeixo das Neves, unha cita que terá lugar dende ás 15:00 horas no Obradoiro da EFA A Cancela. O 3 de abril chegará o momento do “Requeixo Miúdo”, unha actividade educativa con requeixo e mel que se celebrará no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé. O deporte regresa á programación da Feira do Requeixo e do Mel coa disputa o día 4 de abril, ás 10:00 horas, do Campionato de Badminton IITTR As Neves Vila do Requeixo e Mel no Pavillón Municipal. Nesa mesma xornada, a Casa de Xuventude acolle a apertura, ás 19:30 horas, da Exposición Fotográfica do GDR Condado-Paradanta, “Visións do Territorio”, que se poderá contemplar ata o 19 de abril.

A última actividade previa á fin de semana grande da festa será o martes 7 de abril, ás 17:00 horas no Centro Social, cunha xornada técnica que abordará “O requeixo como produto galego con indicativo de calidade”, un acto que estará impartido por técnicos da Axencia Galega de Calidade Alimentario e cunha cata comentada por técnicos de Taste-Lab. O mércores día 8 será o momento da música coa actuación da Banda Xuvenil da Banda de Música Municipal de Rubiós no Auditorio Municipal. O recital será ás 20:00 horas.

Propostas dos días grandes da Feira do Requeixo e do Mel

Os actos do primeiro día da Feira do Requeixo comezarán o Venres santo, día 10 de abril, ás 11:00 horas coa apertura da Feira; seguida da Recepción na Casa do Concello; ás 12:00h., o Pregón Gastronómico, a cargo do chef Iñaki Bretal, integrante do Grupo Nove, do Restaurante O Eirado de Leña, galardoado cun Sol Repsol no ano 2020.

De seguida entrega de premios do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves. Ás 12:30h. Animación musical a cargo de Cé Orquestra Pantasma; ás 16:30. Radio Bule Bule, actuación infantil a cargo de Paco Nogueiras e ás 20:30, na Praza Maior, concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

O segundo día da feira, o sábado, 11, a apertura será ás 12:00h. que dará paso, ás 13:00h, ao Vermú, amenizado por Os Monifates e ás 18:00h. Blues do País en concerto na Praza Maior.

De xeito permanente, durante os dous días da Feira do Requeixo e do Mel haberá unha carpa de alimentación, carpa de artesanía e espazo infantil.

Salir de la versión móvil