O Revenidas da comezo mañá a unha edición na que participarán máis de 30 grupos e que contará con todos os elementos que están a facer do festival de Vilaxoán unha das citas musicais e culturais máis singulares e destacadas do verán en Galicia.
O recinto do festival abrirase ás 18:00 horas. Soará entón a música dende La Duendeneta, que permanecerá no recinto ata o sábado ambientando –ou máis ben axitando- diferentes momentos. Ás 18:30 será Hydn que suba ao escenario Mahou. A coruñesa, unha das artistas emerxentes galegas con máis proxección, gañouse o dereito de actuar no Revenidas ao ser a gañadora do concurso de Sonidos Mans. Tras unha nova sesión da Duendeneta, ás 19:30 será a quenda de Panteón Rococó, unha das bandas máis influíntes do ska latino, un estilo no que teñen cabida o rock, o punk, a salsa, o mariachi, o reggae e mesmo a música folclórica mexicana. De seguido, ás 20:30 o protagonismo será para a rapeira arxentina Sara Hebe, unha muller que representa como ninguén, dun xeito ben explícito e festivo, o seu compromiso social e feminista enriba dun escenario. Ás dez da noite terá lugar un fito histórico: o Revenidas acollerá o derradeiro concerto en Galicia de Desakato, xa que a mítica banda asturiana de punk rock anunciou que se despedirá definitivamente dos escenarios o 11 de novembro. O seguintes en soar en Vilaxoán, ás 23:30 serán Tremenda Jauría, que veñen a presentar en directo o seu novo disco, Todxs Igual. Ás 00:30 h chegará a actuación dunha das grandes figuras do cartel do Revenidas, a da comprometida rapeira francochilena Ana Tijoux, considerada pola revista Bilboard como a mellor rapeira en español do mundo. Unha nova sesión da Duendeneta precederá a presenza, ás 02:10 h, de Arrythmia, o trío lucense que conta cun dos directos máis potentes de Galicia. Os encargados de pechar a primeira xornada do Revenidas serán The Skarnivals, que presentarán Latexos, un disco no que lle dan media voltiña ao seu son, sen perder a súa esencia de banda de ska punk de corte clásico aderezada con chiscadelas ao folk.
Roteiro guiado
Unha hora antes de que se abran as porta do recinto do festival, celebrarase a primeira das actividades paralelas do Revenidas. O músico, escritor e divulgador Xurxo Souto será o encargado de guiar e poñer banda sonora ao roteiro Redescubre Vilaxoán. O itinerario partirá ás 5 da tarde dende o centro sociocultural de Vilaxoán e percorrerá os principais lugares de interese histórico, artístico e etnográfico da vila mariñeira. A participación no roteiro é de balde pero require dunha inscrición previa na web oficial do festival (premer aquí).
Buses lanzadeira
O Revenidas habilitou este ano un servizo de buses lanzadeira rotatorio que conectará o recinto de festival (a saída estará na billeteira) coas zonas de acampadas no Rial e na Pelada. O horario de servizo dos autobuses mañá xoves será de 13:00 a 13:45 h, de 15:00 a 15:45 h, de 17:00 a 21:00 h e de 02:00 a 04:30 h.
Transporte público e aparcadoiros disuasorios
Os organizadores do festival fan un chamamento para que se utilice o transporte público para achegarse ata Vilaxoán. Para as persoas que cheguen dende fóra de Vilagarcía a opción máis aconsellable é chegar en tren ata a capital arousán e dende alí desprazarse ata o recinto en autobús urbano (os horarios están en autocaresabalo.com/rutas), en taxi ou mesmo a pé polo paseo marítimo (apenas son dous quilómetros).
Para os que se despracen no seu propio coche, o máis recomendable é usar algún dos aparcadoiros disuasorios gratuítos cos que conta Vilagarcía, xa que na contorna do festival e e en Vilaxoán a circulación rodada vai estar moi limitada. Os aparcadoiros alternativos recomendados son O Piñeiriño, Fontecarmoa, recinto posterior de Fexdega, finca D’ouro, rampa do Cavadelo, zona TIR, Os Duráns, xardíns Dr Fleming e urbanización Miramar.