A nova edición do festival Revenidas, que se celebrará os próximos 17, 18 e 19 de agosto en Vilaxoán, presentouse esta mañá no Parque de Dona Concha da vila coa presenza de Sonia Outón Jacobo Sutil -director de AGADIC-, Xosé Leal -deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra-, Carmela Silva -Presidenta da Deputación de Pontevedra, Sonia Outón -Concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa-, Alberto Varela -alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa-, Xurxo Souto -músico- e Xoan Quintáns -director do festival Revenidas-.
A concelleira de cultura do Concello de Vilagarcía, Sonia Outón, quixo aproveitar a ocasión para destacar o carácter propio do Revenidas, alegando que é un festival "intercultural, internacional e que traballa a prol da lingua", idea coa que concordou Xosé Leal ao describir o evento como "un punto de convivencia interxeracional que defende a lingua galega e todas as do Estado".
Na mesma liña, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, destacou que "Revenidas fala do que somos, da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa tradición", e Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa, celebrou que durante unha fin de semana, o mundo mira cara a Vilaxoán froito do bo facer da organización e, sobre todo, do carácter amable e hospitalario da xente da vila.
Jacobo Sutil, director da AGADIC, aproveitou a súa intervención para destacar a variedade das actividades paralelas e a rica proposta musical do Festival. Ademais, explicou antes os asistentes as accións que porán en marcha dende a Xunta de Galicia a través de Fest Galicia, como a avaliación económica, social e comunicativa dos festivais que se agrupan baixo a marca.
O Revenidas, que contará con máis de corenta bandas galegas, do estado e internacionais, terá unha especial "presenza artística feminina”, tal e como apuntou o director do festival, Xoan Quintáns, "co obxectivo de conseguir que isto vaia cada edición en aumento". Ademais, Quintáns tamén quixo destacar varias das principais novidades desta edición: a maior aposta do festival pola sostibilidade e o medio ambiente a través da reciclaxe e reutilización e a incorporación da tecnoloxía cashless como sistema de pago.
Para rematar, o músico Xurxo Souto -que actuará no festival coa Banda Xangai- anunciou a actuación sorpresa da Coral de Vilaxoan durante o seu concerto, que terá lugar o próximo domingo 19. Deste xeito, apuntou Souto, "Vilaxoán permítese crear os seus propios espectáculos, e incluso tamén a súas propias cancións, como a que esta coral compuxo exclusivamente para o Festival".