O Revenidas volverá os próximos 10, 11, 12 e 13 de setembro a Vilaxoán. Nesta edición o festival combinará concertos de pago con actividades e concertos de balde en distintos lugares da vila. Será dun xeito controlado, con aforos reducidos e coas medidas hixiénico sanitarias pertinentes. Así o declararon esta mañá na presentación do evento Jacobo Sutil, director da AGADIC; Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra; Sonia Outón, concelleira de cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa; Alberto Varela, alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa; e Xoán Quintáns, director do Revenidas.
O festival non contará este ano con zona de acampada nin coa súa tradicional sardiñada pero reconvértese nunha edición especial “en conserva” para traerlle propostas ricas e variadas ao seu público. Ademais, o festival diversifica a súa programación en catro escenarios: o Escenario Deleite e o Escenario Concello de Vilagarcía (que estarán situado nesta Praza Rafael Pazos), o Escenario Rías Baixas Fest (que estará no Parque de Dona Concha) e o Escenario Fest Galicia (no Porto de Vilaxoán). O “Festival das Linguas” será esta vez máis que nunca o festival da nosa lingua, a lingua galega, ateigado de artistas do país.
Os concertos de pago, no escenario Fest Galicia, estarán protagonizados pola incombustible Sés e o folk e blues/folk de Zeltia Irevire o venres 11, que darán paso á cumbia adictiva de Ortiga e ás letras comprometidas de Dakidarría en acústico o sábado 12. Estes concertos serán para 500 asistentes e xa teñen as súas entradas a venda na páxina web do festival (prezo de 15 euros o bono de dous días e 10 euros a entrada dun só día).
Ademais, o Revenidas en conserva ten preparadas para esta edición varias actividades paralelas, que serán de balde, con inscrición previa necesaria e con aforo reducido. Neste mes de setembro, os escenarios Concello de Vilagarcía e Rías Baixas Fest acollerán os concertos de De Vacas + Cuernicornios (o xoves 10 a partir das 21:00) e Quico Cadaval + Monoulious DOP (o sábado 12 a partir das 13h00). O domingo 13 pola mañá terá lugar a habitual Gala de Circo Revenidas e, xa pola tarde, unha colaboración moi especial que se inicia nesta edición: a Gala Revenidas - Festivala, que o festival organiza en colaboración co Soño de Lilith. Esta colaboración entre Festivala e as Revenidas nace para reivindicar ás nais, ás avoas, ás mulleres que, en definitiva, foron e son conscientes de que o porvir se sustenta no coidado do próximo, e tamén para reclamar o seu saneamento, a protección do noso, a relación sustentable co medio, e a comunidade como fórmulas para construír futuro. Formarán parte desta Gala Revenidas - Festivala Lupe Blanco, Alba María, Suricar, Rebeca Santos e Aldaolado.
Agás o concerto de De Vacas, que terá un aforo de 500 persoas, a organización porá 250 localidades dispoñibles para cada unha das demais actividades. Son gratuítas e xa se pode reservar entrada na web do festival.
Ademais, estas propostas de programación paralela aos concertos de pago complementarase con outras iniciativas relacionadas co territorio e coa cultura mariñeira da zona, showcookings con produtos galegos e concertos de bandas locais, tamén de acceso gratuíto pero esta vez ata completar aforo. Entre elas están os roteiros “Redescubre Vilaxoán” -que xa se están levando a cabo nestes días- ou os concertos que acollerá o Escenario Deleite desta Praza Rafael Pazos:
- Nelson Quinteiro (Aúpa) o xoves 10
- Peter Punk e a Escola de Pandeiretas Avelaíña o venres 11
- O Mago Paco, Gramola e os Terribles de Arousa o sábado 12
- Perseguidor o domingo 13