O Rosal prepárase para celebrar este sábado o Samaín contando "Contos para caghar patatillas"

Publicidad

Samaín chama ás portas e O Rosal prepárase para pasar esta fin de semana unha mañá de medo. Este sábado 22, o narrador, músico e creador de instrumentos de refugallo Brais das Hortas chega ao auditorio municipal cos seus ‘Contos para caghar patatillas’, un espectáculo que demostra que quen ten cu ten medo e que a valentía non é non sentilo, senón ser capaz de enfrontalo.

Sobre todo iso falan os contos que o artista levará ao escenario nun contacontos dirixido a público infantil e familiar no que haberá música, humor, efectos especiais, baile, creación de instrumentos e moito máis, sempre coa gran participación de todas e todos os asistentes.

Narración oral en galego con música en directo a través da que Brais das Hortas contará historias que falan de pedras que se converten en xigantes, dun romance galego que canta a aposta de dous amigos nun cemiterio, un león e unha elefanta no medio da noite na sabana africana, unha nena que escoita por primeira vez unha tormenta... Historias que o artista saca dunha vella maleta escondida no faiado nunha noite de inverno.

A actuación será ás 12.00 horas e de balde, con acceso libre ata completar aforo. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a participar neste espectáculo pensado para desfrutar en familia de terroríficas actividades nestes días previos a Samaín.

Salir de la versión móvil