O Rosal volve sentir os seus viños nunha feira presencial que marida produto con cultura

Publicidad

“O viño é emoción, emoción vinculada a compartir moitas experiencias, é maridaxe cos produtos de calidade que temos, pero, por riba de todo, para nós o viño do Rosal é un símbolo, é orgullo rosaleiro e levar o nome da nosa terra polo mundo enteiro”. Así inauguraba este venres a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, a XXIX Feira do Viño do Rosal, unha edición coa que se pretende recuperar pouco a pouco a normalidade pero aplicando un criterio de prudencia. Tres días de feira nas que se poderán degustar os viños das nove adegas da DO Rías Baixas O Rosal da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal acompañados por unha morea de actividades para todos os públicos.

Unha feira contida celebrada con todas as medidas de prevención que marca a actual situación sanitaria para “seguir camiñando xuntos e implicarnos na rectivación económica pero con todas as precaucións”. “O ano pasado tivemos a capacidade de reinventarnos e dixitalizarnos e chegamos a moitos ámbitos ao que seguramente non entraramos nunca. Nesa capacidade este ano volvemos reinventarnos e apostamos por facer unha feira presencial pero contida, na que maridar os nosos viños coa cultura, outro dos sectores tan afectados pola pandemia”, salientou a rexedora. Ánxela Fernández quixo facer un recoñecemento especial a todas as persoas implicadas no dispositivo especial de seguridade, Policía Local do Rosal, Policía Local de Tomiño, Protección Civil do Rosal e de Tomiño e Garda Civil, “que se implicaron dende o primeiro momento para que puideramos celebrar esta edición”.

Durante o acto inaugural a alcaldesa quixo destacar “a singularidade dos nosos viños, que representan traballo, esforzo e sacrificio” e o capital humano que traballa día a día no sector vitivinícola rosaleiro. Un sector que traballa “para ser cada vez máis sostible e con viñedos que son un exemplo dunha economía circular e dun cambio de tendencia. Máis que nunca temos que seguir adiante transmitindo a paixón polos nosos viños, dando a coñecer a riqueza que atesouramos”, explicou Enrique Costas, presidente da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal. Costas salientou a importancia de celebrar esta edición “agardando recuperar a ledicia desta feira, tan importante en tempos tan difíciles para o sector vitivinícola ou para a hostalaría, un sector do que dependemos moita xente e ao que temos que brindarlle o noso apoio”.

A deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, quixo destacar no acto de inauguración a capacidade de reinvención da feira que “deixa claro que temos os mellores viños. Viños que gañan premios e que se converten nun dos produtos máis codificados para acompañar unha comida, viños elegantes e frescos que son un auténtico referente no sector enolóxico da provincia”. “Non hai mellor maneira de demostralo que con esta feira na que promocionades o sector vitivinícola a través dunha experiencia innovadora na que poñedes en valor o produto, pero tamén a cultura, a gastronomía e o patrimonio do concello do Rosal”, recalcou a deputada.

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarca, afondou na importancia dunha das denominación de orixe con maior superficie, con máis de 4.000 hectáreas que se estenden pola provincia cun valor económico estimado de 132 millóns de euros e 5.000 viticultores. “Algo do que é exemplo esta renovada Feira do Viño do Rosal, porque sen dúbida soubo adaptarse ás circunstancias e cumprir coas obrigas para poder festexar esta edición, amosar a calidade dos nosos viños e festexar o incomiable labor dos viticultores”, explicou Cabarca, que sinalou que “hoxe falar de viño é falar de 10000 viticultores e 500 adegas que transmiten da cepa ao padal características tan propias como a nosa forma de ser, sentir e vivir”.

O acto inaugural completouse co pregón do sumiller Aurelio Vázquez Fachal, ao que a Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal quixo entregar unha placa en homenaxe e o sombreiro dos cabaqueiros. Un acto que emocionou ao enólogo, presidente de Gallaecia Asociación de Sumilleres de Galicia e Nariz de Ouro Galicia no ano 2012: “Para min o viño é un compañeiro de viaxe. É algo que me chega dentro, porque nos mellores momentos da miña vida sempre houbo un bo viño do Rosal. É un produto que ten moita xente traballando detrás, persoas as que lle quero dar as grazas”.

Tras o acto inaugural, o monólogo de Sergio Pazos deu o pistoletazo de saída a tres días cargados de actividades para todos os públicos, como o showcooking cos chefs Iván Méndez e Alex Iglesias, ao abeiro do proxecto de cooperación transnacional Eurochef, liderado por Eurural; animación infantil con Barafunda; o concerto de The Soul Jacket; un roteiro polos muíños do Folón e do Picón ou dúas sesións vermú, unha este mesmo sábado 17 no que maridar viño coa música de Weli Kings, e outra o domingo coa actuación de Awen.

Salir de la versión móvil