O Son do Pazo 2019 xa é unha realidade. Falta o máis importante, que a música folk invada un ano máis un lugar co encanto do Pazo de Mos. O festival que organiza o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia terá lugar os días 13 e 14 de setembro. Na primeira xornada haberá a partir das 22:30 horas actuacións de Airiños do Castelo, Böj e Algarabia. O sábado, ás 13:00 horas, a sesión vermú contará cos concertos de Zurrumalla e Regueifas -a proposta de Lupe Blanco e Bieito Lobariñas-. Ás 17:30 horas comezará o espectáculo a cargo Os Monifates, un show de animación de rúa. Ás 19:00 horas, Edel Duff ofrecerá un obradoiro aberto de baile irlandés. Ás 18:30 e ás 20:30 horas haberá Treboada-Pasarrúas no que actuará a agrupación Treboada Baixo Miño.
Os concertos do sábado pola noite chegarán pisando forte coa Banda de Gaitas Atlántida de Matamá e Arume ás 21:30 horas, seguidos por Pepe Vaamonde Grupo e Airiños da Freba. Os intermedios durante o cambio entre actuacións serán amenizados musicalmente neste caso pola Banda de Gaitas Airiños do Castelo.
A organización pon a disposición dos asistentes dun lugar para poder realizar acampada libre e así poder gozar dos dous días de concertos. A acampada, totalmente gratuíta, poderá facerse no Pavillón Patricia Martínez, situado xunto ao Colexio Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos.
O recinto no que se celebra O Son do Pazo contará con varias “food trucks” e servizo de bar para que ninguén pase fame e todo o mundo poida comer e beber sen desprazarse nin saír do recinto.. Ademais, a cita contará tamén cos tradicionais postos de artesanía.
O obxectivo principal de O Son do Pazo é consolidar o evento como un referente da música galega, pasando a formar parte dunha das citas máis importantes do panorama folk. Tamén se persegue a finalidade de converter este evento nun festival intercéltico onde o público poida gozar da música de grupos da cultura celta.
A presidenta da C.C.D. Santa Eulalia, Juani Moreno, destacou na súa intervención o traballo realizado por toda a organización de O Son do Pazo para configurar un cartel “de primeiro nivel”.
Por outra banda, na noite do sábado 14 de setembro, O Son do Pazo acollerá tamén a entrega do premio Mestre Machiño, un galardón que leva o nome do histórico mestre de baile do C.C.D. Santa Eulalia e que serve para recoñecer cada ano a algunha persoa ou entidade que destacara na defensa e divulgación da música e da cultura tradicional. Nesta ocasión, a homenaxeada será a mestra de baile, investigadora, pandereteira e compoñente de Leilía Felisa Segade.