O SonRías Baixas segue sendo un dos festivais de referencia en Galicia. Nacen eventos similares, pero a cita de Bueu continúa a reunir a milleiros de persoas durante tres días na localidade da comarca do Morrazo. O xoves estivo marcado polo concerto dos italianos Talco. A festa rematou pronto. A xente quería máis festa, aínda que había que reservar folgos para os dous intensos días que agardaban. O venres quedará marcado na historia do festival. La Raíz e Terbutalina protagonizaban unha segunda xornada na que os festivaleiros tamén gozaron da proposta da arxentina Sara Hebe (que ya deixou unha fonda pegada o ano pasado no Revenidas), Che Sudaka e Desakato.
Despois de dous días de música e praia, este sábado abre as súas portas, ás 12:00 horas, no Recinto da Estacada a Casa SonRías, un peculiar restaurante onde a música e a gastronomía do Morrazo comparten protagonismo. Cociñeiros da contorna frecerán as súas mellores creacións ao público que queira achegarse e gozar coa particular mestura de soul e folk das Voodoo, co acústico en solitario de Muchachito e co poderoso acústico dos Dakidarría, que porá o broche de ouro a esta exclusiva e orixinal degustación gastronómico-musical. Nas pantallas, proxectaranse os finalistas do I Concurso de Videoclips Galegos SonRías Baixas, no que a música e o audiovisual se dan a man. A asistencia a estas actividades é gratuíta e os pratos serán despachados en formato tapa a prezos moi axustados.
Despois dun breve descanso, a música volverá ao Multiusos da Estacada ás 19:45 horas coa canción de autor urbana e mestiza de Muerdo; seguida polas cancións libertarias e cheas de humor dos Gatillazo; pola particular mestura de rumba, rock, swing, funk, entusiasmo e alegría de Muchachito; e polo potente directo dos rockeiros referentes da música en euskera Berri Txarrak. Pecharán o festival os galegos The Skarnivals, habitantes do universo ska, punk e folk.
A contorna paradisíaca do SonRías Baixas
O audiovisual, a música e a gastronomía protagonizan esta XVI edición do SonRías Baixas que, como sempre, ten lugar nunha contorna paradisíaca, con impresionantes praias –algunhas a apenas cen metros do recinto e a zona de acampada– e espectaculares espazos naturais como o Cabo Udra ou a illa de Ons a tiro de pedra en transporte marítimo. E, para quen precise descansar, o recinto do festival atópase no medio da vila de Bueu, o que resulta moi cómodo e accesible. A zona de acampada ten duchas e aseos, servizo de restauración e alimentos de primeira necesidade e zona de carga de teléfonos móbiles e está a un paso a pé da praia urbana da localidade.
Unha proposta irresistible á que dende a pasada edición se sumou o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. O Festival SonRías Baixas está producido pola empresa de produción e xestión cultural PlayPlan e conta, tamén, co apoio do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través de Agadic.