O teatro volve á Sala Ártika de Vigo en modo “Comediártiko”

SALA ARTIKA

Publicidad

Despois de máis de cinco meses de portas pechadas, a sala viguesa Ártika volverá reabrir as súas portas este mes de setembro, e o fará cun novo ciclo de teatro da man dalgunhas das mellores compañías da escena galega.

Baixo a premisa de “un pouco de comedia para estes tempos confusos”, os responsables da sala, Fernanda Barrio e Marcos Alonso, decidiron retomar a actividade “con moita forza e moitas ganas”.

O I Festival Comediártiko será o punto de partida da nova programación. Talia Teatro, Chevere, Mofa e Befa e as compañías viguesas Teatro Avento Producións e Enconarte Producións son as encargadas de facer que o público encha de risas o teatro.

Talia Teatro abrirá este festival co seu espectáculo familiar “Voa Voa”. Un show creado para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras. O público poderá desfrutar desta proposta o sábado 5 de setembro ás 18:00 horas e o domingo 6 ás 12:00 e ás 18:00 horas.

A segunda fin de semana de setembro a compañía Chévere, premio nacional de teatro, estrea o seu espectáculoAs fillas bravas e o mito de Casandra”. Nesta nova obra, as Fillas Bravas, tres pandereitas do lugar de Momán, usan as fontes do teatro clásico grego e da música tradicional galega como ferramentas para a sensibilización social sobre o impacto do cambio climático na nosa forma de vida.

Teatro Avento Producións amosará a medidas que se deben tomar se queremos sobrevivir ante unha apocalipse zombie o venres 18 a través dunha masterclass interactiva e, o sábado 19 e domingo 20, traerán a maxia de oriente co seu espectáculo musical para público familiar “Aladino e a lámpada marabillosa”.

A comedia máis canalla chega o 25,26 e 27 de setembro coas rapazas de Enconarte Producións e a súa obra “Monstruación” e, por último, a primeira fin de semana de outubro será a quenda de Excéntricas Producións con Mofa e Befa, que porán o punto e final a este festival con “Dúas pedras no camiño”.

Todas as representacións manterán todas as medidas sanitarias establecidas polas autoridades competentes e reducindo o seu aforo ao 75% mantendo o distanciamento social no propio patio de butacas.

Salir de la versión móvil