Tiro de saída a unha nova edición do programa cultural “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra, que espallará a música de cámara ata o 10 de setembro por toda a provincia. A estrea do programa non poido ter mellor escenario que o Templo Votivo de Nigrán, en Panxón, que viviu unha noite máxica co concerto da formación Ars Sacra Ensemble, que encandilou ao numeroso público entre o que se atopaban o alcalde Juan González e a deputada provincial Ana Mejías.
O espectáculo que ofreceu a formación Ars Sacra Ensemble baseouse na interpretación dun ‘Stabat Mater’. Trátase dun dos poemas relixiosos máis musicados ao longo da historia da música, e nel nárrase o sufrimento de María, nai de Xesús, durante a crucifixión. Grazas á súa conversión en peza musical, a música acompaña e expande, de maneira maxistral, a crueza dun momento clave na historia da humanidade. Ars Sacra Ensemble é unha formación que naceu do puro pracer de reencontrarse para facer música. Todas as persoas integrantes deste grupo son galegas e, antes de coincidir de novo en Galicia, fixérono nalgún momento na cidade portuguesa do Porto. Este conxunto está composto por Débora Valuja (clavecinista, de Poio), Fernando Santiago (cello, de Bueu), Sonia Bouzada (mezzosoprano pontevedresa) e Rosana Domínguez (soprano, de Meaño) e a súa especialidade é a interpretación de música sacra antiga.
Este ano, ademais, co obxectivo de promover e garantir a democratización e o acceso igualitario á cultura, a institución pon en marcha un proxecto piloto nalgunhas das citas musicais do programa para permitir que as persoas con dificultades auditivas tamén poidan participar e facer este proxecto máis inclusivo e accesible. O proxecto piloto consiste na dotación de mochilas con tecnoloxía inalámbrica que transmitirán vibracións graves e subgraves dos sons que reciben, permitindo a estas persoas vivir a experiencia dun concerto de música clásica en directo.