A Fundación Filomena Rivero Alonso, con sede en Redondela e cuxo Padroado preside Gracia Regojo Bacardí, inaugurou no Multiusos da Xunqueira a exposición "O valor da diferenza". A mostra, que se poderá visitar ata o mes de marzo de 2022, forma parte dun proxecto xenuíno da Fundación que avoga e pon en valor a diferenza como punto de partida para unha sociedade máis xusta e tolerante, na que a convivencia e o respecto polo próximo primen sobre o resto.
O acto inaugural contou coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e Telmo Crespo Tojeiro e Agustín Sobral Crespo, membros do Padroado da entidade. A alcaldesa de Redondela agradeceu á Fundación esta iniciativa "que coincide na súa totalidade co traballo que desenvolve o Goberno local a prol da integración e da tolerancia, piares sen os que non se pode construír unha sociedade igualitaria e xusta".
A Fundación Filomena Rivero Alonso ten por obxecto a axuda á formación e educación integral de persoas de Redondela, así como do resto de localidades e provincias españolas; obras asistenciais para os mesmos, e a axuda ás persoas máis necesitadas do terceiro mundo. O Padroado terá plena liberdade para determinar as actividades da Fundación, tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, a xuízo daquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan os máis adecuados ou convenientes en cada momento.