O Varadero Fest regresa a Moaña cunha edición de tres días que chegará a lugares míticos da vila

Imaxe dunha anterior edición do Varadero Fest // XIANA QUINTAS

Publicidad

O verán de festivais de Moaña empeza a coller forma. A vila morracense xa pon as datas dunha das grandes citas no mes de xullo. Trátase do Varadero Fest, unha cita que naceu hai catro anos e na que o Concello logrou ofrecer unha iniciativa cultural que xa se considera cita obrigada da cultura underground en toda Galicia. Tras o éxito rotundo acadado en 2020, nun ano tan complexo para realizar unha actividade de carácter cultural, no 2021 foi un dos primeiros eventos onde se puido danzar. No 2022 medrou chegando a ofrecer dous días de actuacións e agora prepara unha edición con tres días de concertos, espectáculos de danza, sesións dj e outras actividades culturais co obxectivo, ademais, de dar a coñecer ao seu público espazos clave do patrimonio moañés.

O Varadero Fest consolídase, por tanto, como unha das grandes citas musicais do verán nas Rías Baixas ao mesturar á perfección música urbana e tesouros naturais e patrimoniais de Moaña. Esta nova edición do evento terá lugar entre o 6 e o 8 de xullo e suporá gozar de máis de dez artistas en lugares míticos da vila morracense.

O xoves 6 de xullo as instalacións municipais do espazo recentemente inaugurado de O Beque acollerá esta primeira xornada do Varadero Fest, nun enclave natural máxico situado no monte da Fraga. Seguido a isto, o venres 7 de xullo o Eirado do Ferreiro, precioso emprazamento no centro do pobo, a pé de mar e rodeado de varias carpinterías de ribeira tradicionais. Por último, o sábado 8 de xullo terá lugar no parque de San Bartolomeu, o espazo de orixe do festival, e ao que rende homenaxe co seu propio nome.

A pesar de que aínda queda por desvelar a programación de artistas, a organización asegura que é unha aposta rotunda polo talento galego na participarán máis de dez artistas que durante os días 6, 7 e 8 de xullo farán vibrar á vila morracense.

Salir de la versión móvil