O Vertixe Sonora propón unha finde de sons de vangarda e danza en Vigo

Publicidad

Tras arrancar hai un mes en Tui, cunha segunda parada en Valga, o festival Vertixe Sonora chega a Vigo con dúas propostas para sábado 26 e domingo 27 de outubro. Dúas citas que buscan sorprender e envolver o público a través dun concerto multimedia e un proxecto versado na improvisación. Ambas terán lugar no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Vigo (Manuel Olivié, 23). A entrada é de balde.

“Cartography of Peripheral Spaces” é o título do concerto multimedia que terá lugar o sábado dende as 19:00 horas. Trátase dun programa multimedia con cinco compositores e catro estreas absolutas. O mexicano Jeremías Iturra, os colombianos Camilo A. Méndez e Juan Camilo Hernández, o finés Sami Klemola e o mexicano Iván Ferrer son os compositores convidados coas súas pezas neste concerto.

Por outra banda, o espectáculo de danza do coreógrafo Javier Martín, que presenta “Brumario”, é unha iniciativa exploradora da vibración que conta coa colaboración imprescindible da electrónica de Ángel Faraldo, un dos integrantes de Vertixe Sonora. Na cita, que comezará ás 13:00 horas do domingo, Javier Martín presentará un proxecto de investigación e creación en código aberto, versado nos rigores da improvisación a nivel de son e movemento. Cunha marcada identidade artística que aposta pola produción local de coñecemento, este encontro entre Vertixe Sonora e o coreógrafo Javier Martín busca desenvolver un concerto performativo baseado no concepto de vibración como lugar que atravesa e conforma ambas disciplinas. Mantendo unha metodoloxía de traballo en contacto co público, búscase que a creación xorda nun contexto participado pola crítica á vez que se crea un contexto subxectivo para o seu coidado.

A programación do Festival Vertixe Sonora, que rematará en novembro en Padrón, tamén inclúe accións sonoras e performances como as que desenvolverán nos próximos días Buzz (Mateo Mena e Ramón Souto) con “Teselación” e Loreto Martínez Troncoso con “Tunel de trinos”, coa implicación da comunidade educativa. O festival conta co apoio do programa “O teu Xacobeo” e do Concello de Vigo. Ademais, a colaboración da SACEM (Société des Auteurs, Compositeurs et Editeurs de Musique).

Salir de la versión móvil