A interpretación en directo dos temas de Grande Amore, Viaxe ao espazo interior e Bailar Chikito fixo gozar ao público que este xoves se deu cita no festival Sonora’22 no teatro Vidal Bolaño do campus vigués. O rock and roll, o pop, a electrónica, o trap e o techno foron os protagonistas das actuacións de Grande Amore e Berto, que onte presentaron os seus últimos traballos discográficos.
Grande Amore, alter ego do músico de Burela Nuno Pico, despregou sobre o escenario “as miñas alegrías e penas, todo o duro, todo o romántico e todo o escuro que levo dentro cada día, para ben e para mal”, explica o músico Nuno Pico, sobre o seu traballo homónimo. Mentres, Berto achegoulle ao público unha fusión orgánica entre o pop, a electrónica, o trap e o techno dos seus traballos Viaxe ao espazo interior e Bailar Chikito.
A Miteu volve a próxima semana
A programación cultural do segundo cuadrimestre, que organiza a Vicerreitoría de Extensión da UVigo, continuará a semana que vén con dúas representacións teatrais inseridas na Miteu: Nosa señora das nubes, a cargo da Aula de Teatro Universitaria do campus de Pontevedra, o mércores 27 e Emigrados, da Aula de Teatro Universitaria do campus de Vigo o xoves 28.
A XXIV Miteu rematará a seguinte semana coa posta en escena de CaosTM do Circulo de Iniciaçao Teatral da Academia de Coimbra o 4 de maio e Arrabaladas da Universidad Pública de Navarra ao dia seguinte.