O Instituto de Estudos Vigueses, en colaboración co Concello e a Universidade, celebrará desde este xoves e ata o 12 de decembro a segunda edición do ciclo de conferencias do Fórum IEV. A cita será mensual desde este xoves e ata o 12 de decembro.
Con este segundo ciclo, o Institudo pretende "facer chegar ao público de Vigo e a súa área metropolitana diversos estudos levados a cabo por membros do IEV sobre a cidade nas súas distintas áreas de coñecemento, así como outros estudos de vixente actualidade que se desenvolven na Universidade de Vigo en campos das ciencias e da tecnoloxía".
Entre os temas que se tratarán nesta edición do Foro atópanse a arte en dólmenes, que precisamente abre a convocatoria este xoves da man de Fernando Carrera; as torres da Concatedral de Vigo, o pazo como patrimonio arquitectónico galego, a produción de sal durante a presenza romana nas nosas costas… "A idea é achegar estes temas á sociedade cunha linguaxe alcanzable para todos e tamén analizar temas de actualidade como o cambio climático e as súas consecuencias e a aplicación das novas tecnoloxías nas comunicacións mediante drons".
As conferencias realizaranse na hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios excepto a do mes de setembro, que será no Instituto Camôes.
“Arte Megalítico en Galicia: valor y retos"
Resume: Esta conferencia presenta unha expresión atística prehistórica que continúa a ser moi descoñecida para a cidadanía.
Conferenciante: Fernando Carrera
Data: 24 de xaneiro
Hora: 19:30 horas
“Aplicación das novas tecnoloxías no medio ambiente mariño”
Resumo: Repaso ás tecnoloxías de drons, electrónica de control, cámaras e procesado de imaxe
( teledetección, visión artificial). Exemplos de aplicación en proxectos relacionados co medio ambiente mariño.
Conferenciante: Fernando Martín Rodríguez
Data: 7 de febreiro
Hora: 19:30 horas
"Os impactos do cambio climático na pesca: Como nos podemos adaptar?"
Resumo: O cambio climático está a ter efectos nos océanos que afectan a actividades coma a pesca
artesanal e industrial. Nesta presentación farase un repaso ao coñecemento actual sobre os cambios no mar e as repercusións destes cambios para a pesca. Neste escenario, revisaremos tamén que di a ciencia sobre como nos podemos adaptar.
Conferenciante: Elena Ojea
Data: 14 de marzo
Hora: 19:30 horas
“Do teléfono de disco ao Whatsapp: Como chegamos aquí?”
Resumo: Un repaso das tecnoloxías que foron aparecendo, como a industria foinas convertendo en produtos e o mercado en elementos da vida cotiá; e como a vida cotiá con estes novos elementos foi transformando a sociedade.
Conferenciante: Xulio Fernández Hermida
Data: 11 de abril
Hora: 19:30 horas
“Os pazos galegos: arquitectura rural ou arquitectura de poder?”
Resumo: Un dos compoñentes máis representativos do patrimonio arquitectónico galego constitúeo
sen lugar a dúbida o Pazo, tipoloxía construtiva de difícil clasificación dada a cantidade de lecturas
e variantes que se poden albergan dentro deste concepto. Así, mentres que algúns autores reservan este vocábulo só para aquelas construcións caracterizadas polo seu aspecto palaciego, outros dan cabida nel aos palacetes urbanos mesmo a todo o conxunto de casas blasonadas que xorden na campiña galega rezumando encanto e harmonía coa contorna, pero que carecen de todo valor arquitectónico.
Conferenciante: Ana Pereira
Data: 23 de maio
Hora: 19:30 horas
"Sistemas aéreos non tripulados (drons), pasado, presente e futuro”
Resumo: Os sistemas aéreos non tripulados, máis coñecidos como drons supuxeron unha gran evolución tecnolóxica os últimos anos, producindo unha democratización dos servizos aéreos. Moitas operacións que antes se realizaban mediante sistemas tripulados como avións ou helicópteros hoxe realízanse con sistemas non tripulados. Entre as máis coñecidas destacan o sector audiovisual, topografía, vixilancia ou inspección de infraestruturas. Prevese que o mercado siga crecendo nas próximas décadas e chéguense a implementar outras aplicacións relacionadas por exemplo con loxística ou robótica industrial.
Conferenciante: Higinio González Jorge
Data: 13 de xuño
Hora: 19:30 horas
“A produción de sal na costa atlántica do noroeste da península ibérica”
Resumo: Ao longo da costa atlántica da Península Ibérica documentáronse numerosas evidencias da produción de sal mariño. Presentaremos os resultados das investigacións levadas a cabo sobre unha serie de estruturas localizadas entre a desembocadura do río Douro e a Ría de Vigo. En primeiro lugar referirémonos a xacementos conformados por concentracións de afloramentos con pías escavadas neles para a recollida de sal. Para continuar coa análise duns novos xacementos descubertos desde o ano 2015 durante unhas intervencións de urxencia.
Conferenciantes: Mar Cortegoso y Brais Currás
Data: 19 de setembro
Lugar: Salón de Actos Instituto Camoes de Vigo, Casa de Arines, Praza de Almeida
Hora: 19:30 horas
“A Igrexa de Santa María de Vigo, atalaia da nosa historia: 1719 -2019”
Resumo: O mundo relixioso vai definir o desenvolvemento da vila de Vigo, durante a Idade
Moderna, por iso resultou un feito diferencial o recoñecemento da Igrexa parroquial de Santa María
de Vigo como colexiata no 1497. A partires dese momento, a propia evolución constructiva do
templo fala da evolución da vila e dos seus habitantes, ao sufrir os saqueos corsarios, as crises
económicos, os efectos devastadores das inclemencias do tempo... , en definitiva, o devir histórico
da futura cidade olívica.
Conferenciante: Montserrat Rodríguez
Data: 10 de outubro
Hora: 19:30 horas
“Un pequeno empuxón no clima. Grandes consecuencias de pequenos cambios”
Resumo: Vivimos nunha época de cambios. Cambios sociais, tecnolóxicos, políticos e ambientais. O cambio climático, na súa manifestación de quecemento global a causa do efecto invernadoiro provocado pola actividade humana, é un dos cambios que máis atención recibiu por parte da sociedade xeral nas dúas últimas décadas. Nesta charla darase unha breve introdución a estes cambios, as súas causas, o seu estudo e os desafíos que nos expoñen.
Conferenciante: Kais Mohamed Falcón
Data: 24 de outubro
Hora: 19:30 horas
“O quecemento global: técnicas de estudo e predición”
Resumo: O Panel Intergobernamental do Cambio Climático ( IPCC) das Nacións Unidas reúnese periodicamente co propósito de establecer como cambia o clima como consecuencia das enormes cantidades de CO2 coas que estamos a contaminar a atmosfera. Uns dos temas clave é canto aumentará a temperatura ao longo do próximo século. Noutras palabras, de como de sensible é (e vai ser) o clima ao incremento de CO2 atmosférico. Esta charla introducirá o concepto de sensibilidade climática e expoñerá uns exemplos nos que se mostra como se pode chegar a acoutar a sensibilidade climática a partir da información que nos proporciona o rexistro xeolóxico.
Conferenciante: Gianluca Marino
Data: 14 de novembro
Hora: 19:30 horas
“Impacto socioeconómico da Primeira Guerra Mundial en Vigo”
Resumo: Espionaxe entre os 11 buques alemáns e austro húngaros internados na ría e a colonia do Cable Inglés. A espía alemá Mata Hari en Vigo. Repercusión da Guerra no tecido social. Ricos e pobres. Crispación do proletariado polo encarecemento dos produtos alimenticios de primeira necesidade. A primeira gran manifestación de Vigo. Vigo no Tratado de Versalles.
Conferenciante: José Ramón Cabanelas
Data: 12 de decembro
Hora: 19:30 horas