Orientación na natureza de Vigo ou andaina por Bicos de Papel, as outras propostas de The Wild Fest

Edición anterior del Wild Fest // PAULA CERMEÑO

Publicidad

Xa coñecemos a programación completa e horarios da cuarta edición do The Wild Fest, que se celebrará entre o 8 e o 10 de xullo en Vigo. O evento aposta un ano máis por unha programación cultural atractiva para poñer en valor a contorna na que se celebra e servir como punto de encontro para unha cidadanía cada vez máis concienciada co coidado dos nosos espazos naturais, as comunidades de montes e o resto de actores implicados e interesados en frear o deterioro ecolóxico. Por iso, moitas das actividades que desenvolve este certame multidisciplinar están enfocadas a coñecer e desfrutar de xeito activo da natureza. É o caso do ciclo de cinema The Wild Cinema, cuxas proxeccións abrirán un ano máis o programa, a partir do venres ás 18h, cun dobre pase. O terceiro bloque de proxeccións será o sábado ás 15h e o cuarto, o domingo ás 17:30h, coincidindo coa clausura desta cuarta edición.

O venres 8 tamén poderemos desfrutar de música en directo con tres concertos de potentes bandas galegas. A electrónica de Músculo! quentará o ambiente a partir das 21h e deixará paso aos sons hiphop e soul da viguesa Wöyza e The Galician Messengers, a patir das 22:30h. Á 01:30h subirase ao escenario o dúo Boyanka Kostova coa súa mestura de ritmos pegañentos e retranca galega coa que é imposible non bailar e pasalo ben. Para os que teñan ganas de máis, a noite continuará ata as 05:00h con DJ Steven Rod.

A mañá do sábado chega do máis completa cunha cata de viños de Adegas Terrae a partir das 12:00h, concerto de A Roda, ás 13h e pulpeira para repoñer forzas e redondear a experiencia enxebre. Desde a hora de comer e ata ás 16h desenvolveranse tres obradoiros infantís e o espectáculo de Peter Punk e Brais das Hortas.

A tarde do sábado continúa con máis música. A partir das 17:00h gozaremos da banda de versións Wondercovers e ás 19:30 o heavy bluegrass dos vascos Moonshine Wagon soará no merendeiro do Parque Forestal, seguidos do rock soul de Aurora & The Betrayers, ás 21:00h; o indie rock de Corizonas, ás 22:30h e o enérxico directo da banda de metal máis importante de Galicia, Aphonnic, que soará a partir das 24:00h. De novo, a noite será longa grazas a sesión de DJ Steven Rod que estará picando ata as 05:00h.

O domingo a xornada comeza con dúas actividades de coñecemento e desfrute activo da natureza que espertaron moito interese en pasadas edicións: andaina e orientación. Para participar en calquera das dúas é preciso adquirir unha entrada aparte na billeteira do festival.

Ás 10 da mañá comeza Orientaventura, un divertido xogo de habilidade física e mental na que os participantes, por grupos, deberán atopar todas as pistas e resolver as probas escondidas no parque forestal coa axuda dun mapa. A proposta está organizada por Territorio Comanche, expertos en actividades ao aire libre.

A andaina sae ás 10:30 e percorrerá 6 km pasando por algúns dos lugares máis bonitos e curiosos do Parque Forestal de San Miguel de Oia, como os petroglifos e miradoiros. Como guías teremos a sorte de contar con comuneiros dos montes de San Miguel e será solidaria coa asociación Bicos de Papel, que traballa na mellora da calidade de vida dos nenos con cancro no Álvaro Cunqueiro e as súas familias.

A xornada do domingo, que será de entrada gratuíta para todos, completarase cunha nova sesión vermú a cargo de Blues do País e Sindicato da Verbena, obradoiros de circo, escalada e pintura para todas as idades e dous espectáculos infantís: o concerto de Cé Orquestra Pantasma, a partir das 16:30h e o contacontos a cargo de Miguel Anxo Alonso Diz, O país da chiova, que comezará ás 17:30h.

Entradas

As entradas están á venda a través da billeteira Vivetix con opción á compra por días ou abono completo. En todos os casos hai posibilidade de acampar por un pequeno suplemento. A entrada o domingo é gratuíta ata completar o aforo do recinto. Os nenos ata 14 anos non pagan entrada. Para participar na aindaina solidaria e en Orientaventura é necesario adquirir unha entrada aparte, que pode atoparse na mesma billeteira. Neste caso tamén é preciso inscribir aos nenos de calquera idade.

Salir de la versión móvil