A concellería de promoción económica e turismo, dirixida por Silvia Carballo, organiza os Ecomercados de Nadal, que se celebrarán na Praza de Abastos de Bueu os días 22, 23, 29 e 30 de decembro, e o 5 de xaneiro, e que incluirán actividades diversas para todos os públicos, en especial para os máis cativos.
O horario será os venres entre as 11 e as 21 horas, e os sábados de 11 a 14.30 horas. Así mesmo, tamén haberá unha cantina no 2º andar da Praza de Abastos, que estará aberta os venres a partir das 18 e os sábados a partir das 12 horas. As persoas que se acheguen poderán mercar produtos nunha vintena de postos ecolóxicos e artesanais nos que disporán de embutidos, queixos e conservas, mel e marmeladas, froitos secos, chocolates e turróns, viños, cervexas, licores, cosméticos naturais e xabón e téxtil e coiro.
Así mesmo, co obxectivo de dinamizar o comercio local, sortearanse vales de compra por valor de 480 €, a canxear nos establecementos da propia Praza de Abastos. O obxectivo é pois, vivir o espírito de Nadal a través da decoración e as luces, coa posibilidade de pasear entre os distintos postos e visitar a cantina para degustar un petisco de balde coa consumición.
En canto ás actividades, que terán lugar sempre no 1º andar da Praza de Abastos, o 22 de decembro ás 18.00 horas, está organizado un obradoiro de creación dunha árbore con botellas recicladas, a cargo de Horta Agrelo. O sábado, os máis pequenos e pequenas terán a oportunidade de elaborar turróns da man da tenda ecolóxica local A Despensa da Terra.
Xa á semana seguinte, o 29 de decembro a partir das 18 horas María Carrera representará a obra de teatro “A Pirata Lola”, e a continuación celebrarase o obradoiro de piruletas de Nadal, coa Despensa da Terra. Seguindo coa programación navideña, o sábado 30 celebrarase un taller de elaboración de adornos de Nadal con Horta Agrelo. Para estes dous días tamén están programados dous concertos musicais, que se celebrarán ás 12 diante da Praza de Abastos: Xoan Curiel (29 decembro), e The Flamingo Swinging (30 decembro).