Os libros e o deporte protagonizan a penúltima fin de semana da Guarda

Publicidad

 

Unha das fotografías da mostra de "Salcidos en branco e Negro" que presenta este venres a súa edición en libro

A penúltima fin de semana da Guarda arranca este venres coa presentación do libro "Salcidos en branco e negro" ás 20:30 horas no Centro Cultural. Trátase dunha publicación que naceu despois do éxito da exposición homónima e que recopila a historia da parroquia a través dunha pequena selección de fotografías tomadas por veciños anónimos e por fotógrafos guardeses coma Jimenez, Costiña, Rivas ou Valencia. Deseguido, proxectarase a película "O Pisco", ambientada na parroquia tomiñesa de Goián na época do estraperlo e gravada polo Grupo San Roquiño de Goián.

O sábado será a quenda dos máis pequenos coa sesión de "Contos contados" especial de Nadal, na que as cativas e cativos poderán coñecer historias tradicionais destas datas da mans da ‘avoa’ Carmen Baz e o ‘avó’ Manual Cadilla, máis coñecido como «Maruxo», a partir das 11:30 h. Deseguido, poderán participar no obradoiro de decoración de Nadal, co que contribuirán á decoración da árbore que permanecerá na Biblioteca durante as festas

As mañás de "Música na rúa" comezarán tamén o sábado, a partir das 11:00 horas, coa actuación do grupo O Trebón dos Xidos, que percorrerán as rúas coa súa música introducindo aos guardeses e guardesas no ambiente festivo propias destas datas.

Xa ás 20:30 horas, os Festivais de Nadal continuarán co concerto de pandereteiras no Centro Cultural. Participan os grupos Arghaceiras do Muño e Caramuxiñas da Asociación Folklórica Vento Mareiro, as Palqueiras da Asociación Cultural Xamaraina, e os grupos Carainas, Coiro Vello e Tambaluca, así como o grupo de pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa.

O deporte, coa celebración da tradicional carreira de San Silvestre, cerrará a fin de semana na Guarda. A proba, organizada pola Sociedade Atlética do Trega, comezará a partir das 10:30 horas no Porto guardés e admitirá inscricións ata mañá no correo electrónico trega@trega.es. A participación está aberta a corredores e corredoras de todas a idades, e a distancia do percorrido (de 100 a 1.500 metros) dependerá da categoría á que se pertenza.

Salir de la versión móvil