Un itinerario dedicado ao “Vigo teatral a través do tempo” abre este próximo domingo 29 de maio a V edición dos Roteiros Literarios que a Deputación de Pontevedra desenvolve en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Despois de dous anos en que as rutas se adiaran ao outono pola pandemia, neste 2022 volven celebrarse en primavera, co mesmo obxectivo de dar a coñecer as cidades e vilas da man das autoras e autores que exercen de guías, tomando como base obras literarias propias ou alleas ambientadas nos diversos espazos da provincia. Serán cinco percorridos dunha hora e media de duración que terán lugar nas mañás (desde as 11.30 horas) dos domingos ata o 26 de xuño, e cun total de 125 prazas (25 por ruta). As persoas interesadas poden inscribirse no formulario dispoñible na web da Deputación, cun máximo de dúas rutas por persoa.
O primeiro destes roteiros polo Vigo teatral estará conducido por Ana Abad de Larriva e terá como lugar de saía da Porta do Sol, para rematar no Club Náutico. A autora amosará ás persoas participantes diversos espazos que lles achegarán a estreas, pezas, artistas e compañías que nutriron e nutren a vida cultural da urbe. Abad é titulada superior en Arte Dramática e licenciada en Xornalismo. Doutoranda en Comunicación na Universidade de Vigo, desenvolve a súa investigación no eido da teoría teatral e publica artigos especializados en artes escénicas en diferentes medios, ademais de compaxinar o seu labor na comunicación coa creación escénica e literaria e coa docencia.
O seguinte percorrido terá como escenario A Estrada e leva por título “Manuel García Barros, o escenario da súa pluma insubmisa”. Será o 5 de xuño e o guiará Xoán Carlos Garrido Couceiro, coa praza do Concello como punto de partida para centrarse nos lugares de referencia do escritor e periodista estradense. Xoán Carlos Garrido é profesor, sindicalista e historiador galego. A cidade do Lérez acollerá o seguinte itinerario o 19 de xuño, baixo o título “CITA na Pontevedra de tinta e pedra”, con Elena Gallego Abad. Sairá do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) e terá como paradas edificios senlleiros e espazos vinculados á súa exitosa saga de libros, Dragal. A autora, nacida en Teruel e criada en Verín, foi xornalista en varios medios, conferenciante e articulista. O 26 de xuño Héitor Picallo guiará O Baño, unha vila de augas e de letras en Cuntis, con saída da praza das Árbores. Picallo é enxeñeiro técnico naval e ten desenvolvido numerosas actividades culturais en Galicia, así como campañas en defensa do patrimonio público (Burgas de Cuntis), do patrimonio histórico-artístico ou na defensa de diversos intelectuais coma Isaac Díaz Pardo.
Os Roteiros Literarios rematarán o 3 de xullo, xornada na que a poeta Miriam Ferradáns conducirá en Bueu o roteiro “Darse en auga. Os versos do azul”, que sairá da Biblioteca Torrente Ballester e percorrerá espazos relacionados co mar vinculados a referencias literarias de autores e autoras da vila ou deixaron nela a súa pegada gráfica. Ferradáns, nada en Bon (Bueu) e graduada en Traballo Social pola Universidade de Vigo, compaxina o ensino con adolescentes coa literatura.