Os Roteiros Literarios de balde descubrirán este ano en Vigo a historia de Lavadores

Publicidad

Volven os Roteiros Literarios organizados pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para dar a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores galegos, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas que se ambientan en diversos espazos da súa xeografía.

Nesta sexta edición serán cinco os roteiros, que se celebrarán durante as fins de semana do mes de xuño e que se espallarán polos concellos de Vigo, Moaña, Vilagarcía, Pontevedra e Lalín, guiados por María Xosé Porteiro, Anna R. Figueiredo, Xurxo Alonso, Adolfo Caamaño e Xoán Carlos García Porral. Terán un total de 125 prazas (25 cada un) e as inscricións abriranse o vindeiro luns 15 de maio a través dun formulario na web da Deputación. As persoas interesadas poderán solicitar un máximo de dúas rutas.

Os itinerarios, que en todos os casos comezarán ás 11:30 e finalizarán ás 13:00 horas, arrancarán o sábado 3 de xuño en Vigo, co roteiro guiado pola xornalista, política e escritora María Xosé Porteiro, que dará a coñecer ás persoas participantes as orixes da actual parroquia de Lavadores, que fora concello antes de anexionarse a Vigo en 1949 e tiña a súa capital no Calvario. Ao día seguinte, 4 de xuño, celebrarase a ruta Aconteceu en Moaña da man da escritora Anna R. Figueiredo na que, partindo do Auditorio Celso Parada, revisaranse espazos desta vila protagonistas de pezas da ficción narrativa.

O domingo 11 de xuño terá lugar o Roteiro Literario Vilagarcián, co autor e pintor Xurxo Alonso, xunto ao que as persoas participantes visitarán espazos como o Colexio León XIII, a Imprenta Celta, a botica do escritor Lisardo Barreiro e o Instituto laboral. E o domingo día 18 o programa chegará a Pontevedra da man do escritor Adolfo Caamaño que guiará a ruta O espazo urbano pontevedrés como materia literaria, cunha ruta que se desenvolverá por espazos emblemáticos do barrio do Burgo, a cidade medieval e do ensanche contemporáneo. O programa finalizará o domingo 25 de xuño cun Roteiro histórico-literario por Lalín guiado polo investigador Xoán Carlos García Porral. O punto de encontro será a igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba e visitaranse a Igrexa, as estatuas de Ramón María Aller Ulloa e de Joaquín Loriga, o Museo Municipal Aller Ulloa e o Castro Tecnolóxico.

Salir de la versión móvil