Tras o parón provocado pola pandemia, as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química volven celebrar o seu patrón, San Alberte, e fano con máis folgos que nunca, recuperando as actividades tradicionais desta celebración –charlas, exposicións e concursos- e lanzando novas propostas de actividades presenciais impulsadas polas delegacións de alumnado dos tres centros: desde un ‘Pasapalabra científico’, ata diferentes xogos de mesa cos que prolongar o día grande da festa, previsto para este venres.
“O máis salientable desta edición é que volvemos recuperar a normalidade, podendo organizar actividades presenciais”, explica Manuel Ángel Pombal, vicedecano da Facultade de Bioloxía, quen salienta que, “tras dous anos no dique seco”, a programación deste ano inclúe a gravación do programa Efervescencia, da Radio Galega, desde o salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais o venres ás 11.00 horas. A maiores, Pombal informa tamén da ampliación do prazo de entrega do Concurso de Fotografía Científica, que pasa deste luns ao vindeiro mércores día 10.
A exposición de cogomelos abre as portas tras un “outono magnífico”
As celebracións do patrón arrancaron hoxe luns coa inauguración da tradicional exposición de cogomelos, que este ano reúne arredor dun cento de exemplares procedentes da metade sur de Galicia e do norte de Portugal, recollidas por colaboradores que pertencen tanto ao Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo como á spin-off MycoGalicia Plantae, así como por exalumnos e alumnas que colaboran habitualmente con ambas entidades.
A exposición pode visitarse ata o venres no vestíbulo principal do edificio de Ciencias Experimentais e, como xa é habitual, “non se inclúen especies estrañas, porque o que interesa é ensinar, non presumir de cousas raras”, explica a profesora Marisa Castro, recentemente xubilada, pero que segue a colaborar na organización dunha exposición que ela mesma puxo en marcha e que este ano cumpre xa a súa novena edición. “Trátase dunha mostra moi didáctica, non para coleccionista de cogomelos”, explica a experta, que insiste en que pode haber “exemplares extraordinarios, pero de especies coñecidas”.
Respecto á colleita deste ano destaca que a forza da produción adiantouse moito, por iso os labores de recolección se centraron principalmente no mes de setembro. Desde o seu punto de vista, foi “un outono magnífico” pero, agora, “coa chegada do frío”, o normal é que só aparezan “as trompetas e as linguas de gato, que son as máis invernais”.
O mércores charla sobre intoxicacións por cogomelos
Ademais da exposición, a experta Marisa Castro encargarase tamén de impartir a charla divulgativa Intoxicacións por cogomelos o mércores 10 ás 12 horas no novo salón de graos do edificio. Neste coloquio Castro centrarase en transmitir a idea da importancia de que “só se debe consumir material certificado por sanidade ou por micólogos”, porque tal e como ela mesma recalca “así como o que bebe viño non sen considera enólogo, quen come cogomelos, aínda que sexa desde hai varios anos, tampouco é micólogo”. Entre outras cousas, a especialista tratará de deixar claro que, a día de hoxe, “un intoxicado por cogomelos velenosos non ten por que morrer, pero o seu fígado ou os seus riles poden quedar tocados para o resto da súa vida”.
Moita ciencia e moitos xogos para o venres
O día grande da celebración do patrón será este venres. Ese día a programación arrancará ás 11.00 horas coa programación do programa Efervescencia. Posteriormente, ás 12.15 horas terá lugar a conferencia Misión Biolóxica: cen anos investigando en Galicia, impartida pola actual directora da Misión Biolóxica de Galicia, a investigadora Elena Cartea, que fará un percorrido histórico pola traxectoria da institución que dirixe, ao mesmo tempo que dará a coñecer de primeira man ao alumnado das tres facultades as liñas de investigación que están a desenvolver nestes intres, “nunha institución moi importante para a provincia de Pontevedra a todos os niveis e que, ademais, oferta prácticas académicas para os nosos alumnos e alumnas de xeito continuo”, explica Manuel Ángel Pombal.
Tras a conferencia, será o momento da entrega de premios dos diferentes concursos organizados con motivo da celebración do San Alberte e, xa pola tarde, haberá múltiples xogos organizados polas tres delegacións de alumnado na área verde do edificio de Ciencias Experimentais (entre a cafetaría e a biblioteca).