O Teatro Municipal de Tui arranca esta fin de semana coa súa programación cultural de 2018 con dúas obras centradas na fusión cultural, a paz, o amor e o entendemento entre mundos diferentes. Así, para o público infantil a cita será esta mesma tarde de venres, 2 de febreiro, con Mamá Cabra e o seu espectáculo “Paxaro Amigo, música para a paz”.
https://www.youtube.com/watch?v=pQtjEIxGi2M
A obra, que arrancará ás 20:00 horas, mestura a música, o teatro, e a poesía nunha linguaxe adaptada a público familiar a partir dos 3 anos. A protagonista é a bruxa Discordia cuxa vida cambiará para sempre grazas a súa curmá a fada e a un ornitólogo que busca un paxaro en extinción que só vive en recunchos de amor e paz. Sobre o escenario estarán Gloria Mosquera, voz, guitarra e actriz; Iago Rodríguez, baixo e percusión; Diego Maceiras, teclado e acordeón; Harry Prince, violín, e Luís Iglesias “Luchi”, actor.
As entradas poranse á venda esta tarde ás 18:00 horas no despacho de billetes ao prezos de 4€ e 3€.
Mentres o sábado ás 20.30h será a quenda de Titzina Teatre de Cerdanyola del Vallés que representará a súa última montaxe "La Zanja" para público adulto a partir dos 14 anos. Nesta obra o humor e a emoción están presentes nunha historia que nos transporta até o descubrimento de América protagonizada polo “descubridor” Pizarro e o derradeiro rei inca Atahualpa.
Dous continentes, de distintas raíces culturais, dous mundos diferentes obrigados a entenderse. Unha viaxe paralela entre o presente e o pasado que trata sobre a nosa historia e a condición humana. Diego Lorca e Pako Merino son os autores, directores e actores desta montaxe teatral.
As entradas estarán á venda o sábado dende ás 18.30 horas no despacho de billetes ao prezo de 6€ e 4,5€. Por problemas técnicos para estes dous espectáculos non está dispoñible a venda on-line de entradas.