Petiscos de Lingua, o espectáculo para descubrir ditos populares, chega a Ponteareas de balde

Publicidad

Migallas Teatro chega este venres a Ponteareas coa representación de "Petiscos de lingua", un espectáculo dirixido a público infantil e familiar co que se busca dar a coñecer e fomentar a práctica de ditos e recitados da literatura popular de Galicia e apoiar a transmisión interxeracional da lingua.

Mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros atractivos recursos ofrécese ao público, dun xeito divertido, unha escolma de ditos populares recollidos na serie de vídeos realizada pola propia compañía teatral baixo o nome de "Brincadeiras da lingua".

A actividade terá lugar este venres 11 de novembro no multiusos do auditorio municipal, comezará ás 18:00 horas e será de balde, con entrada libre ata completar aforo.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, convida á veciñanza a achegarse ata a sala multiúsos para gozar deste espectáculo cheo de bo humor e curiosidades que será representado ao abeiro do programa de dinamización lingüística FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), da que forma parte o Concello de Ponteareas.

Salir de la versión móvil