Pinocho chega a Goián en forma de teatro musical

Publicidad

O Concello de Tomiño continúa ofrecendo á veciñanza unha ampla programación cultural con actividades pensadas para o desfrute de todos os públicos e todas as idades. Este domingo 13 de novembro chega a Goián ‘O mundo máxico de Pinocho’, unha curiosa adaptación de EducaTeatro ao teatro musical deste clásico de Carlo Collodi, no que o público poderá gozar dunha proposta que mestura técnicas como voz e piano en directo, maxia de grandes ilusións ou sombras chinesas ou corpóreas.

Pensado especialmente para público familiar e cativos e cativas a partir de 2 anos, o espectáculo recolle unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo que, xunto coa fada Mimadriña, Raposo e Gato, acompañará a Pinocho no camiño para converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no obradoiro de Gepetto e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro tentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Unha morea de aventuras para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.

A representación será ás 17:30 horas no auditorio municipal de Goián e terá un prezo de 5 euros para persoas adultas e de 2,5 euros para menores de 12 anos. A alcaldesa, Sandra González, convida aos tomiñeses e tomiñesas a gozar dunha tarde de teatro en familia con este espectáculo cheo de música, maxia, risas e ilusión.

Salir de la versión móvil