Ponteareas celebra este ano o seu Corpus de xeito comedido, seguro e íntimo. A vila prepárase xa para esta Festa de Interese Turístico Internacional que, dada a situación sanitaria, incluirá actividades exclusivas para a súa veciñanza e retransmisións en directo a través das redes sociais do Concello para o resto da poboación, evitando así a chegada de visitantes doutros municipios e aglomeracións.
Nesta edición as rúas ponteareás encheranse de pequenas mostras florais que ocuparán menos do 40% da súa extensión habitual. Estes tapices comezarán a confeccionarse con todas as medidas de prevención o mesmo domingo 6 ás 06.00 horas e non a noite anterior, como viña sendo habitual. Ademais, para garantir as distancias de seguridade, cada mostra deberá manter un espazo de separación de tres metros con respecto ás fachadas dos edificios. Será un Corpus comedido que tamén se deixará notar na iluminación festiva, que se instalou reducindo un 70% o investimento dedicado en pasadas edicións, nas que se celebraba con normalidade.
A programación do Corpus arrancará este venres 4 ás 20:30 horas coa presentación na sala multiusos do Auditorio Municipal da revista Pregón e do Museo de Corpus a ceo aberto. O sábado 5 será a quenda da lectura do pregón por parte de Maite Isla, unha persoa cunha ampla e recoñecida traxectoria no tecido social de Ponteareas. O acto, que contará tamén cun concerto a cargo da Orquestra de Cámara Galega, será no Auditorio Municipal ás 20.30 h con aforo limitado e retransmitido en streaming.
Durante a mañá do domingo 6 poderá verse en directo a confección das mostras florais a través das redes sociais do Concello e, xa ás 20.30 horas, o parque da Feira Vella acollerá o concerto da Banda de Música Unión de Guláns. A programación continuará o luns 7 cunha actividade de lecer para a veciñanza: un tobogán acuático que estará colocado de 10.00 a 20.00 horas na rúa Braña. A ofrenda floral diante do Monumento ao alfombrismo porá o broche final a unha celebración que converte a Ponteareas en referente mundial da arte floral efémera.