O parque de Avisoureira de Guláns, en Pontereas, acollerá este domingo a celebración da terceira edición da Festa do Pemento de Guláns. Trátase dunha celebración gastronómica que permitirá degustar este típico produto ponteareá. Ademais, este exquisito prato irá acompañado de churrasco e empanada.
Para completar o menú, haberá a típica e coñecida tosta de marmelada de pemento con tetilla, un prato único que fará as delicias dos asistentes.
Esta cita gastronómica, que arrancará ás 11:00 horas do domingo, está organizada pola Asociación de Amigos do Pemento de Guláns, coa colaboración da Asociación cultural de Guláns e o Concello de Ponteareas.
O acompañamento musical correrá a cargo do grupo RONCO & FOL. En caso de choiva estará instalada unha carpa para poder gozar dun día importante para esta parroquia.
A horta de Vigo
Hai que recordar que os veciños de Guláns foron quen surtiron de produtos da horta a toda comarca dende os anos 50, incluso chegando ata o outro lado da ría de Vigo. Tanto é así que o Guláns daqueles tempos era coñecida como a horta de Vigo.
Sen deixar no esquecemento o cultivo tradicional deste produto, contando cos medios actuais, o pemento, que esta recoñecido polo Ministerio de Industria e Agricultura como variedade tradicional, podería “ser a bandeira dalgún proxecto que poña en valor os recursos desta parroquia”, segundo apuntan dende o Concello.