Ponteareas organiza un concerto de balde para celebrar os 150 anos da banda de música de Guláns

Banda de Música Unión de Guláns. Archivo // B.M. Unión de Guláns

Publicidad

A Banda de Música Unión de Guláns celebrará esta fin de semana os seus 150 anos de historia nota a nota. O auditorio municipal Reveriano Soutullo acolle este domingo 23 de xullo un acto conmemorativo, con entrada libre ata completar aforo, no que o público poderá achegarse ás diferentes etapas polas que pasou a banda dende a súa fundación en 1870.

En colaboración co Concello de Ponteareas, a Banda de Música Unión de Guláns organiza un acto que comezará ás 11:30 horas coa benvida ao público, para dar logo paso á emisión dun documental sobre a súa historia. Xa ás 12:30 horas as persoas asistentes poderán desfrutar dun concerto da banda de música no que tamén participarán antigos membros.

Un repaso a ritmo da música pola historia desta banda pola que pasaron 20 directores e centenares de músicos e músicas que deron a coñecer á agrupación e fixeron da mesma o "maior orgullo da parroquia de Guláns, converténdoa nun verdadeiro nexo de unión entre os seus veciños e veciñas", destacan dende o Concello. Tras o acto, antigos e actuais músicos e músicas retomarán esa unión cun xantar.

A alcaldesa, Nava Castro, convida a todos os veciños e veciñas a participar neste acto “co que se celebra unha data importante para a Banda de Música Unión de Guláns, pero tamén para a historia de Ponteareas”.

Concerto gratis da banda de música de Guláns

Salir de la versión móvil