Ponteareas retrocede no tempo para revivir as poxas de gando do século XX

Publicidad

O vindeiro 9 de setembro, Ponteareas volve a comezos do século XX coa súa Feira Tradicional dos Remedios, convertida en todo un espectáculo teatral. A feira converterá a vila do Condado nun escenario de poxa de gando real, unha das poucas de toda Galicia que a conservan, ademais de demostracións en directo de artesanía como construción de zocos, veas ou útiles de latón.

De dez da mañá a oito da tarde a rúa Constitución acollerá os postos dos artesáns mentres na Praza da Igrexa se realizan as demostracións e se pode repor as forzas nos postos de alimentación. A rúa Esperanza e Oriente terán variados postos alternativos con todo tipo de produtos tanto para mercar como para degustar. Ademais, a Feira convértese xa nunha festa de época e o Concello de Ponteareas convida ao público a achegarse ataviado coas roupas de principios do século XX e así acompañar aos feirantes para recrear o intercambio de produtos.

Volta ás orixes

Durante toda a xornada do sábado, alfareiros, telleiros ou cesteiros traballarán de cara ao público para ofrecer aos clientes a exclusividade das súas pezas.

Pero a venda de animais, tal e como se facía a comezos do pasado século, será un dos seus principais atractivos para os asistentes. Porcos celtas, galiñas, ovellas, vacas, bois, cabalos ou o burro Paulino tomarán as rúas na procura dun sabio comprador que saiba detectar os seus encantos nunha das poucas feiras tradicionais que oferta a venda de gando.

Teatro e música na rúa completan este día de feira que abre ás 12 horas coa roda dos xigantes e cabezudos polo centro urbano. Un día que se completa con animación infantil a partir das 17:30 horas e o concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo ás 21:30 horas para dar paso á verbena a partir das 23 horas.

Torneiro a pedal

Feirantes de toda Galicia e Portugal encherán as rúas da Feira Tradicional dos Remedios que este ano conta coa novidade dun torneiro especialista en tornear a madeira das gaitas a pedal.

Salir de la versión móvil